


Foi o mes de marzo de 1897 o que viu nacer a Jesús Canabal Fuentes. Viña ao mundo o a parroquia de Pereira, no lugar de Amenal, unha aldea que naquela época tiña pouco máis de 100 veciños. Viuse obrigado a emigrar con tan só 13 anos, en 1910. O seu destino: Buenos Aires. Aos poucos anos Jesús comeza a traballar nunha empresa dedicada á papelería, que se chamaba Casa Iturrat. No seu tempo de lecer, achegábase e pasaba as horas nos locais de asociacións galegas, numerosísimas na capital bonaerense. De feito, en 1914, participa na fundación da “Agrupación Artista Galega de Buenos Aires”.
Con tan só 21 anos noméano xerente da empresa Iturrat e envíano á delegación de Uruguai. A recesión internacional levou unha crise no mercado do papel tras a primeira guerra mundial, co cal se pechou esta sucursal en Montevideo. Entón, Canabal, nun exercicio de ousadía, decide non saír da súa profesión e funda unha pequena empresa. Cos seus irmáns José, que xa estaba en Buenos Aires, e con Andrés, que aínda vivía no Pino, abren a empresa “Jesús Canabal e Irmáns, Fábrica de Sobres”. A sociedade comezou a fabricar un sobre co nome de Suecia. En 1921 amplían a empresa coa compra da papelería Jaime Bech, situada nunha céntrica zona de Montevideo. Refórzanse ademais coa chegada doutro irmán, Manuel. No ano 1925 a empresa ten varios locais e 40 traballadores.
O seu éxito radica na difusión de sobres e as fusións e ampliacións de capital. Un dos momentos clave chega no ano 1937, cando Jesús Canabal decide crear unha fábrica de papel. Chámase “Industria Papeleira Uruguaia Sociedade Anónima” (IPUSA). A firma chegou a cubrir practicamente todo o territorio nacional. Ante a gran demanda, os irmáns deciden construír na cidade de Pando, no departamento de Canelones, no ano 1948, unha nova fábrica que deu traballo a máis de 100 persoas e supuxo un investimento de máis de catro millóns de pesos da época. Un feito que tamén incidiu, e moito, no desenvolvemento económico da zona interior de Uruguai.
Ao parecer, no seu despacho de IPUSA, Jesús Canabal tiña os andeis cheos de libros galegos, nas paredes cadros de artistas galegos, por exemplo algún dedicado de Luís Seoane. Na súa mesa descansaban sóbrelos fabricados pola súa próspera empresa, xunto a un debuxo da Catedral e da Cruz de Santiago.
Ademais da súa importante faceta empresarial, Canabal nunca deixou de lado a súa dedicación ás asociacións galegas. Participou na maioría das agrupacións e institucións da colectividade galega en Uruguai. Na década dos anos 20 súmase á creación dos primeiros grupos galeguistas, de forma paralela ao movemento nacionalista que se forxaba en Buenos Aires.
No medio destas correntes figuraban personaxes como Xullo Sigüenza, Crestar, Arturo Carril, ou Doutor Mosquera… Ante a sublevación de Franco no ano 36, en Uruguai realízanse importantes campañas de solidariedad coa España Republicana. Canabal está en primeira liña. Tres anos despois, co fin da Guerra Civil, comezan a chegar os exiliados. Entre eles Gerardo Díaz, Luís Villaverde, Luís Tobío, Alfredo Somoza,...
No ano 1940, Buenos Aires acolle a fundación das famosas “Irmandades Galegas”. Castelao cría que, ao non haber democracia en España, os partidos políticos non tiñan valor. Por tanto, era necesario crear unha entidade patriótica, que aglutinase a toda a oposición galeguista. No medio de todo isto, terminou a Segunda Guerra Mundial. A oposición, baixo bandeira republicana, preparouse para a marcha de Franco. Por iso, Castelao creu necesario fundar o “Consello de Galicia”. O escenario foi Montevideo, e o ano, o 1945.
Tratábase do primeiro goberno galego no exilio. Comeza así unha relación moito máis constante entre Canabal e Castelao, este último presidente do Consello de Galicia. Nunha das súas viaxes, con motivo da celebración do noveno aniversario do Estatuto Galego, Castelao visita IPUSA. Un feito que foi reflectido en “A Nosa Terra”. A crónica dicía “Foron convidados os membros do Consello a visitar a gran fábrica de papel que os irmáns Canabal posúen nos arredores de Montevideo. Un establecemento industrial modelo, que pon de manifesto a capacidade creadora dos galegos, co que sería a nosa terra, se houbese liberdade nela para que os seus fillos puidesen desenvolver todas as súas enerxías e iniciativas, tendo que emigrar para poder demostrar a súa capacidade, enriquecendo así, os países onde emigran. Os Canabal, dinastía de galegos do Uruguai, que gozan de moito prestixio e estimación, polo seu don de xentes e pola súa xenerosidade, fixeron de “cicerone” mostrando todas as instalacións, vendo o proceso de fabricación do papel desde o máis sinxelo ata o máis complexo”.
En 1950 Canabal participa na fundación do histórico programa radiofónico “Sempre en Galicia”, en Radio Carve de Montevideo. Con el estaban outros emigrantes como Alfredo Somoza, Manuel Meilán, Luís Tobío, Emilio Pita, Pedro Cruceiro e Manuel Leiras. Ademais, na axenda de Canabal figuraba tamén o seu posto directivo da “Casa de Galicia da Asociación Española de Socorros Mutuos”. En 1956 foi nomeado presidente do primeiro Congreso de Emigración Galega, no que participaron os dirixentes máis destacados do exilio. Entre eles Ramón Suárez Picallo, Alonso Ríos, Xosé Neira Vilas, Luís Tobío ou Marcial Fernández.
Un día sinalado, o 25 de xullo do ano 1956, Canabal funda o “Banco de Galicia”, unha das entidades financeiras máis importantes de Uruguai. Ano e medio máis tarde, o 27 de xaneiro de 1958, o Banco de Galicia inaugura a súa primeira sucursal na céntrica Avenida 18 de Xullo. Canabal bautiza a esta sucursal co nome de “A Coruña” coa idea de pór aos novos locais bancarios os distintos nomes das cidades máis importantes de Galicia. No seu discurso Canabal dixo “Non é común sentir no curso da vida, unha satisfacción da natureza que se experimenta ao intervir nun acto de transcendencia e significados que ten este”.
En 1959 por iniciativa de IPUSA, créase a “Sociedade de Celulosas do Uruguai, S.A.” para fomentar a produción de madeira deste país. No ano 1985 a empresa facturaba un millón de dólares ao mes, en concepto de fabricación propia e exportacións a Arxentina e Paraguai.
No capítulo da súa vida comprometida, cabe destacar as viaxes que Canabal realiza nas décadas dos 50 e 60 a Europa. Tiñan carácter comercial pero Canabal aproveitábaas para levar a cabo tarefas patrióticas e tamén para visitar, de cando en vez, a súa terra natal. Nestas ocasións adoitaba levar documentos e instrucións aos galeguistas do interior, dirixidos por Piñeiro, e co seu centro de operacións na “Editorial Galaxia”. Tamén nesta época Canabal entrevístase en varias ocasións con César Alvajar, xornalista de gran prestixio republicano, residente en París, onde representaba o Consello de Galicia. El era o encargado das relacións do nacionalismo galego co goberno republicano no exilio. Jesús e César tiñan moitas cousas en común. Eran liberais, formaban parte da masonería e caéronse ben.
Renovouse o goberno republicano no exilio. Galicia estivo representada por Castelao, nos anos 1946 e 1947. César Alvajar quería que de novo o Consello de Galicia tivese un representante neste novo executivo. Sondou aos republicanos máis influentes, utilizou os seus vínculos coa masonería, moi poderosa e pensa no seu amigo Canabal como candidato, posto que gozaba ademais de gran prestixio entre os emigrantes de Río da Prata. Empresario, presidente do Banco de Galicia, liberal e masón. En plenas negociacións, Canabal visita París, Austria, Alemaña e Suíza. Está alleo ás presións de César Alvajar e de Ramón Suárez Picallo para que finalmente sexa nomeado oficialmente ministro do goberno no exilio. Sorpréndese, e alega que é incompatible coa presidencia do seu banco. A pesar de todo, acepta a designación como Ministro da República no Exilio. O seu mandato durou de maio de 1956 a febreiro de 1962. O presidente era o xeneral Emilio Herrera. Jesús Canabal era ministro delegado.
Canabal, activista durante toda a súa vida a favor da colectividade galega, morre o 29 de agosto de 1985. Recibe unha homenaxe por parte do Padroado da Cultura Galega de Montevideo, ao ano do seu falecemento. Neste acto o secretario da entidade recita “galego… sempre galego. Jesús foi o mellor representante dun pobo sufrido, laborioso, formiga do traballo duro, pai dadivoso, marido exemplar, amigo fiel, xefe comprensivo, sorriso sempre nos beizos, man aberta disposta ao abrazo sincero ou ao saúdo entrañable…” O escritor Manuel Suárez Suárez sinalou: “sen enfermidade algunha, despacito, sen darse conta, foise tal como sempre viviu neste mundo. Foise envolvido na súa proverbial humildade que eternamente fará de Jesús Canabal un perfecto exemplo do galego bo e xeneroso”.