A mostra de galos e galiñas piñeiras vivas que se celebrou hoxe en O Pino con motivo da XX Festa do Galo Piñeiro resultou todo un éxito e bateu un réord ao xuntar 116 exemplares que chegaron de toda Galicia, pero tamén de Asturias e ata o País Vasco. Precisamente, desta comunidade autónoma é Miguel Ángel García de Diego, o xuíz internacional que foi o encargado de elixir aos mellores exemplares no concurso organizado pola Asociación Galiña Piñeira e o Concello de O Pino.
Un ano máis, Lucas Magadán, da parroquia da Salceda, foi un dos gañadores do certame, ao conseguir o premio ao mellor criador e ao mellor expositor, entre outros. Pola súa banda, o galo que presentou José Ramón Cillero levou o primeiro premio na categoría de aperdizados, e será o encargado de anunciar a seguinte edición da festa do galo piñeiro.
Terio Carrera, no pregón, fixo un símil entre o galo piñeiro e Cristiano Ronaldo cando celebra un gol, “porque ambos teñen a cabeza erguida, mirada desafiante e ollos desafiantes”. O xornalista da TVG, que anuncio que Superpiñeiro volverá pronto as pantallas da televisión autonómica, dixo que o galo piñeiro é “o mellor embaixador de O Pino, e o encargado de anunciarlle aos peregrinos a inminente chegada a Compostela”.
A vixésima edición da Festa do Galo Piñeiro volveu ser un éxito de público, con miles de persoas visitando a Feira Celta, a Mostra Cabalar e tamén a carpa especial montada este ano para expoñer os 116 exemplares de galos e galiñas piñeiras, motivo que encheu de satisfacción aos integrantes da Asociación de Galiña Piñeira (Agalpi), que seguen traballando estreitamente co Concello de O Pino para conseguir que a Xunta de Galicia declare á galiña piñeira como raza autóctona, algo que xa conseguiu a galiña de Mos.
“Con este concurso, que estivo valorado por un xuíz de categoría internacional, demos o primeiro paso. Para finais de ano acudiremos ao outro concurso que hai no País Vasco, o que nos permitirá entrar na Asociación Española de Avicultura”, explicaron Daniel Fernández e José Ramón Cillero, presidente e directivo de Agalpi. “Unha vez esteamos recoñecidos pola Asociación Española de Avicultura será máis doado reclamar á Xunta a declaración de raza autóctona”, engadiu Cillero.
En Predouzo déronse cita hoxe numerosas familias de O Pino e da contorna, xa que as actividades estiveron dirixidas tamén á cativada, que quedou especialmente abraiada coa beleza dos galos e galiñas piñeiras que visitaron Arca durante esta fin de semana, asi como cos exemplares que participan na mostra cabalar.
Gañadores do concurso de Galo Piñeiro
Na Feira de galos e galiñas vivas participaron 116 exemplares, procedentes de diferentes localidades galegas e tamén de Asturias e do País Vasco. Este ano, tanto Agalpi como o Concello decidiron non entregar premios en metálico no concurso de raza piñeira, no que houbo tres modalidedes: galos e galiñas aperdizados, asalmanados e blancos, segundo o seu plumaxe. “Como criadores interesanos máis o pedigrí que os premios en metálico”, sinalaba Daniel Fernández. Tamén houbo un concurso de galos de curral, no que sí se entregaron premios en metálico.
Os gañadores das diferentes categorías, que levaron un diploma e un azulexo conmemorativo, foron os seguintes:
Aperdizados: José Ramón Cillero e Mónica López en galos. José Manuel Traseiras e Lucas Magadán, en galiñas.
Asalmonados: José Antonio Pose e Daniel Fernández, en galos. Lucas Magadán, presentou as dúas mellores galiñas.
Brancos: Miguel Neira e José Antonio Pose, en galos. María Rosa Castro e José Barreira, en galiñas.
O mellor expositores desta feira foron Lucas Magadán e José Ramón Cillero, e o mellor criador, Lucas Magadán.
En galo de curral os premios foron para Matías Miranda e José Antonio Pose.
Autoridades presentes
A esta XX Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar asistiron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; o director xeral de Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez; a xefa territorial da Consellería de Medio Rural, Mónica López; a xerente de Turgalicia, Carmen Pita. A todos eles, o xuíz da proba lles explicou cales son as características que fan tan especiais aos galos e galiñas piñeiras.
Entre os alcaldes presentes estaba o de Vila de Cruces, Luis Taboada, para quen o anfitrión, Manuel Taboada Vigo, tivo palabras de agradecemento, “porque é a primeira vez en vinte anos que o alcalde de Vila de Cruces nos acompaña nesta festa”. O alcalde de Boqueixón, e concelleiros de Touro, Frades, e Arzúa completaban a comitiva.
Xantar popular e degustación
Antes do pregón, as autoridades fixeron un percorrido pola XI Feira Celta e o mercado, que foi visitado por numerosas persoas durante estes últimos días. Todo aquel que se achegou a O Pino esta fin de semana tamén puido participar na degustación gratuíta de galo (que esgotou as existencias, a pesares de que se reservaron uns 900 quilos para a degustación e o xantar popular).
Un ano máis as entradas para participar no xantar popular acabaron esgotándose. Foron algo máis de mil as persoas que degustaron empanada, polbo e, como non, galo con patacas un menú elaborado polo restaurante A Magdalena de Castrofeito.
Mostra Cabalar
E mentres uns participaban na feira celta ou na feira de galos vivos, outros admiraban os centos de cabalos e égoas que participaron nos diferentes concursos da Mostra Cabalar, que durante todo o día de hoxe se disputaron nos arredores da praza de Forcarei.
En total, esta edición do concurso repartiu ao redor un total de 4.000 euros en premios nas 17 categorías organizadas.