Cada alumno de Primaria e de ESO recibirá mañá 4 máscaras de neopreono reutilizables, un bote de xel hidroalcohólico e un neceser para gardalos ||
Os nenos e nenas de infantil tanto do CPI como da unitaria de Gonzar recibirán pantallas protectoras ||
Manuel Taboada: “Queremos axudar economicamente as familias, facilitando protección ao alumnado para máis de medio curso” ||
Concello de O Pino acaba de facer un investimento de 9.000 euros para mercar equipos de protección contra a covid-19 para todo o alumnado do municipio, atendendo a petición que lle trasladara a ANPA. O alcalde, Manuel Taboada, entregoulle esta mañá á presidenta e a un vogal da asociación de país as 1.136 máscaras de neopreno reutilizables, para o alumnado de Primaria e da ESO, e máis 78 pantallas para o alumnado de Infantil do CPI e da escola unitaria de Gonzar.
O pasado 28 de setembro, a ANPA solicitou a colaboración do Concello para que as familias non tivesen que mercar as máscaras que todo o alumnado de Primaria e ESO debe utilizar a diario no CPI Camiño de Santiago.
Hoxe, o alcalde entregoulle a Ángeles Furelos e a Miguel Bascoy, presidenta e vogal da ANPA, 284 lotes compostos cada un deles por 4 máscaras reutilizables de neopreno, feitas con tecido hidrófugo, antibacteriano e transpirable; 1 bote de xel hidroalcohólico que se pode recargar, e un neceser no que os menores poden gardar os equipos de protección. Na entrega estivo acompañado pola concelleira de Educación e Cultura, Eva Varela.
Cada unha das máscaras pódese lavar ata 25 veces, “polo que cada alumno ou alumna pode estar protexido un mínimo de 100 días lectivos do presente curso escolar”, indicou o alcalde. Este lotes distribúense en 66 con máscaras de talla pequena para o alumnado de 1 e 2 de Primaria. Outro 111 neceseres levan 4 máscaras de talla mediana, ademais do xel, para o alumnado de 3, 4, 5 e 6 de Primaria. Para o alumnado da ESO resérvanse 107 lotes, con máscaras de talla grande.
Ademais, entregaránselles pantallas protectoras para ao alumnado da escola unitaria de Gonzar (11 nenos e nenas) e tamén aos 67 que cursan educación Infantil no CPI Camiño de Santiago.
A presidenta da ANPA agradeceu “o esforzo do Concello e as xestións realizadas para axudar ás familias”. Pola súa banda, o alcalde, Manuel Taboada, asegurou que con este investimento, “o Concello quere colaborar coas familias para evitarlles o gasto diario que supón a compra de máscaras de protección para os nenos e nenas que están escolarizados no Pino”.
A primeira hora da tarde, a directiva da ANPA entregoulle este material ao equipo directivo do CPI Camiño de Santiago, que mañá o distribuirá entre o alumnado.
Esta actuación do Concello engádese á colocación de pantallas de protección que instalou no comedor escolar, para protexer aos nenos e nenas.