Unha técnico de Sogama estivo explicando como fomentar a recollida selectiva e que tirar en cada contedor ||
O Concello comeza a vindeira semana a repartir o contedor para materia orgánica no núcleo Pedrouzo e entre os locais de hostalaría ||
Tamén distribuirá composteiros domésticos para vivendas unifamiliares ||
O Concello do Pino comezará a vindeira semana a distribuir o contedor marrón no núcleo de Pedrouzo e entre aqueles locais de hostalaría ou grandes xeradores de materia orgánica que o soliciten. Para facilitar o bo uso e contribuír á reciclaxe en orixe, unha técnica de Sogama impartiu onte unha charla informativa para explicarlle á veciñanza como mellorar a separación de residuos na casa e que se pode tirar en cada contedor.
Aproximadamente o 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo corresponde a materia orgánica, polo que incorporar o contedor marrón para a recollida específica desta fracción posibilita a súa recuperación en forma de abono na correspondente planta de compostaxe de Cerceda.
Ademais de concretar os materiais a depositar no contedor marrón, a técnica explicou a infraestrutura industrial deseñada pola Xunta e executada por Sogama. A materia orgánica deste contedor trátase nunha planta de biorresiduos en Cerceda, na que se produce compost de boa calidade que se utiliza como fertilizante natural na agricultura e na xardinaría.
A partir da vindeira semana, o Concello do Pino instalará o contedor marrón no núcleo urbano de Pedrouzo e tamén llelo facilitará a aqueles establecementos (restaurantes ou grandes xeradores de materia orgánica) que o soliciten. Deste xeito darase cumprimento a lexislación europea para facilitar a recollida selectiva de materia orgánica e que obriga a ter implantado o contedor marrón antes de que remate o ano.
Ademais do colector para materia orgánica, o Concello do Pino vai repartir composteiros domésticos nas vivendas unifamiliares, para facilitar a reciclaxe da materia orgánica e facer compost.
Para facilitar a reciclaxe de forma exitosa, é imprescindible facer unha boa separación na casa, para que o 95% dos materiais que se depositen no contedor marrón sexan compostables.
Que se pode botar no contedor marrón
Na charla de onte, a técnica explicoulle ás persoas asistentes que se pode botar no contedor marrón y que non debemos depositar nel. Aclarou que, se utilizamos bolsas para tirar a materia orgánica, estas bolsas deben ser biodegradables ou compostables.
No contedor marrón pódese depositar:
- Restos de alimentos:
- Crus ou cociñados de froitas, verduras, legumes e hortalizas.
- Restos de orixe animal: carne ou peixe (ósos, carne cocida, restos de peixe e marisco, espiñas, cunchas de mexillón, ameixas, …).
- Peladuras de patacas.
- Restos de pasta e arroces.
- Restos de froitos secos.
- Sementes e cereais.
- Ósos de froita.
- Restos de pan, bolería e galletas.
- Cortizas de queixo.
- Papel de cociña usado e panos de mesa de papel (sen restos de aceite).
- Pousos de café e bolsiñas de infusións.
- Restos de plantas, flores, follas secas, herba e pequenos restos de poda e hortas.
- Alpiste
- Cascas de ovo.
- Tapóns de cortiza natural.
- Bolsas compostables.
Non debemos depositar:
- Aceite de cociña ou calquera outro líquido.
- Cueiros, compresas e tampóns.
- Papel hixiénico.
- Ramas de podas.
- Restos aspirados ou varridos.
- Cabichas de tabaco.
Calquera outro material de plástico, vidro, pilas, etc.