Unha ducia de persoas participaron nos seminarios de Camiños de coñecemento e experiencia celebrados en abril ||
A vicerreitora Pilar Murias destacou a súa actitude por aprender e animounos a seguir participando nesta iniciativa ||
Veciñas e veciños do Pino que estiveron participando este curso no Programa universitario para maiores de 50 anos Camiños de coñecemento e experiencia da Universidade de Santiago acudiron este martes ao paraninfo da USC a recoller os seus diplomas. Dez persoas que se formaron no IV Ciclo desprazáronse ata Santiago acompañados polo concelleiro José Fuentes.
No Pino foron unha ducia as persoas que durante o mes de abril acudiron aos seminarios impartidos na casa da cultura sobre a carta xeográfica de Galicia de Domingo Fontán, sobre os dereitos dos consumidores e servizos no fogar, ou sobre o idadismo, a discriminación por razóns de idade.
O acto de clausura celebrouse en Compostela, no Paraninfo da USC, e estivo presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que agradeceu a presencia de 300 dos máis de 610 alumnos matriculados no IV ciclo da universidade. Murias destacou a actitude do alumnado pola súa gana de saber e facer cousas novas e animounos a seguir participando na vindeira edición.
José Fuentes foi o encargado de recoller os diplomas correspondentes ao alumnado do Pino. Tras o acto, todos os asistentes puideron gozar no Teatro Principal coa representación da obra “As vellas non deben namorarse”.
A directora do Programa universitario de maiores IV Ciclo, Esther Olveira, agradeceu a colaboración dos 28 concellos que participaron nesta iniciativa da USC, e de xeito especial ao persoal municipal que se implicou directamente no programa. Nesta edición de Camiños de coñecemento e experiencia participaron 610 estudantes das catro provincias galegas, procedentes de catorce concellos da provincia da Coruña, oito da provincia de Lugo, cinco da provincia de Pontevedra e un da provincia de Ourense.
No acto de clausura tamén participaron o subdirector xeral de Atención sociosanitaria e innovación asistencial da Consellería de Política Social, José Javier Ventosa, e o profesor da Universidade de Vigo Victoriano Nodar.