O IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) concede subvencións a fondo perdido para os proxectos de creación de empresas ou realización de investimentos en empresas novas promovidas por novos emprendedores
OBXECTIVO: Fomentar a aparición de proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores para a ampliación do seu novo establecemento.
BENEFICIARIOS: As pequenas e medianas empresas, nas que non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de xuño, de subvencións de Galicia e cumpran as seguintes condicións:
1.- Composición do capital, no caso de sociedades mercantís:
a. O seu capital terá que atoparse maioritariamente participado pola suma das participacións de persoas físicas que non estean acometendo outras actividades económicas por conta propia á data de presentación da solicitude e das achegas de entidades de capital risco e investidores privados adscritos a unha rede asimilable ás coñecidas como redes de business-angels. Cando se observase que se produce continuidade empresarial, por baixa recente (antigüidade menor a un ano) nunha actividade que é igual ou similar á que se propón como nova, ou por razóns que permiten concluír unha continuidade de empresa preexistente, poderase denegar motivadamente a axuda.
b. A participación no capital da empresa de persoas, físicas ou xurídicas, que si estean desenvolvendo outras actividades económicas na data de solicitude, non poderá exceder conxuntamente o 49%. Polo menos unha das persoas físicas cunha participación superior ao 20% no capital e sen outra actividade económica por conta propia á data de solicitude, deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta allea desde a alta de actividade da nova empresa (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude) e ata o fin do período de execución do proxecto.
2.- Antigüidade na actividade empresarial:
i) No caso de autónomos a data de alta censual non poderá ter unha antigüidade superior a un ano no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non desempeñar outra actividade por conta propia ou allea desde a alta de actividade (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude).
ii) No caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderán ter unha antigüidade superior a un ano no momento da solicitude de axuda.
3.- Contribución financeira exenta de axudas públicas:
Os beneficiarios deberán achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
SECTORES INCENTIVABLES: Todos agás os seguintes:
a) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios, e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura: CNAE 09: Divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40), 10.2 (todas as clases) e Clase 46.38.
b) O sector da industria siderúrxica. CNAE 09: Grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52.
c) O sector de fibras sintéticas.
d) O sector do carbón e do aceiro. CNAE 09: División 05 (todos os grupos e clases).
e) O sector da construción naval. CNAE 09: Clase 30.11.
2. Nos subsectores de hostalaría, restauración e hospedaxe, unicamente serán subvencionables as actividades de restaurantes, e de hoteis de dúas estrelas ou superiores.
REQUISITOS: Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores para a ampliación do seu novo establecemento que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, entre eles:
a) Non teñan comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
b) Presenten un custo subvencionable superior a 35.000 euros e non superior a 500.000 euros, que se realizará no prazo de execución do proxecto que se estableza na resolución de concesión; se o custo subvencionable resultase superior a 500.000 euros, o Igape reduciría a base subvencionada a esta cantidade.
c) Os gastos e/ou investimentos subvencionables terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.
GASTOS COMPUTABLES:
a) Investimentos realizados en:
i.- Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións.
ii.- Bens de equipamento: maquinaria de proceso, utensilios, equipamentos informáticos, mobiliario, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. Nos sectores do transporte e loxístico non serán subvencionables os elementos de transporte exterior.
iii.- Outros investimentos en activos fixos mobiliarios.
iv.- Activos inmateriais vinculados á transferencia de tecnoloxía, tales como adquisición de dereitos de patentes, licencias, Know how e coñecemento técnicos non patentados, incluíndo aplicacións informáticas
b) Gastos de aprovisionamentos de materias primas, produtos terminados ou servizos de profesionais independentes necesarios para vender un produto ou servizo. Podendo representar ata o 10% do proxecto subvencionado total.
c) Gastos de investigación e desenvolvemento e o canon fixo de franquías no seu primeiro ano.
d) Os gastos de aluguer de bens inmobles, ata un prazo máximo dun ano.
e) Os gastos do informe de auditor.
CONTÍA DA AXUDA: A intensidade de axuda concedida establécese entre un mínimo dun 15% dos gastos subvencionables e un máximo do 50%.
PRAZO: O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2014 e rematará o 30 de abril de 2014.
INFORMACIÓN E TRAMITACIÓN:
– Nas oficinas territoriais do IGAPE
– No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 902 300 903 ou 981 54 11 47
– A través de www.igape.es ou en informa@igape.es
+ Info: http://app.igape.es/.axudas/ver_pdf.asp?cod=3209
Corrección erros:
http://app.igape.es/.axudas/ver_pdf.asp?cod=3228
Formato plan de empresa: http://app.igape.es/.axudas/ver_pdf.asp?cod=3227