Medio cento de exemplares desta raza aviar autóctona, que afunde as súas raíces na antigüidade prerromana, participaron na exposición morfolóxica gañada por Víctor Reboredo (Barro) // A deputada autonómica Paula Prado, pregoeira do evento, destacou o papel do Pino no Camiño de Santiago como antesala do Obradoiro // O alcalde do Pino, Manuel Taboada, puxo énfase no “enorme traballo que se leva a cabo para que este sexa un gran día” // Un cento de cabalos competiron na Mostra Cabalar // O público gozou dunha completa xornada festiva con música, artesanía, obradoiros, a degustación de galo piñeiro e o xantar popular ao que asistiron un milleiro de persoas
A Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar do Pino alcanzou hoxe a súa vixésima segunda edición repetindo o grande ambiente e a asistencia masiva que a caracterizan. Esta exaltación de dúas especies de valores económicos, históricos, culturais e etnográficos innegables, declarada de Interese Turístico de Galicia, reuniu a milleiros de persoas, confirmándose como unha das festas tradicionais máis concorridas da comunidade.
A Festa do Galo Piñeiro busca cada ano poñer en valor esta especie avícola, que afunde as súas orixes na Galicia prerromana. Milleiros de persoas puideron ver in situ medio cento de fermosos exemplares de galiñas e de galos vivos, criados tanto no Pino coma noutros municipios de Galicia. Un galo branco, propiedade de Víctor Reboredo, de Barro, foi galardoado como o mellor exemplar; o seu criador destacou a “gran dificultade para criar un galo destas características, dado que hai que controlar moito mellor o crecemento da plumaxe para que non saque plumas doutras tonalidades”.
A pregoeira do evento foi a avogada, deputada autonómica e secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado del Río, habitual asistente a esta festa. “O meu calendario de 2023 tiña tres datas marcadas en vermello”, explicou, “as eleccións municipais de maio, nas que volveu gañar aquí Manuel Taboada; as eleccións xerais; e a Festa do Galo Piñeiro, para min ineludible. Salvo nas edicións que se cancelaron pola pandemia, nunca falto”, afirmou. Prado apuntou que “en Galicia sentímonos profundamente orgullosos desta raza, e oxalá que pronto poidamos dicir que é oficialmente una raza autóctona”. A deputada autonómica falou do Pino como antesala da praza do Obradoiro no Camiño de Santiago: “Aquí tamén hai cada día unha mestura de culturas, de historias e de ganas de atoparse”, e destacou a escultura do galo piñeiro, obra de Cándido Pazos que se ergue fronte ao Concello, como “unha imaxe do Pino que se ve en todo o mundo”.
Esta mesma escultura fixo parte do discurso do alcalde do Pino, Manuel Taboada, quen dixo que “a través desta obra, a través do galo piñeiro, O Pino percorre o mundo todo”. Como anfitrión, Taboada agradeceu o “gran nivel do pregón de Paula Prado” e deulles as grazas “a todas as autoridades presentes”. Tamén quixo remarcar que “ducias de persoas traballan para que este día sexa grande”, e a importancia da festa “para que esta raza se estenda por Galicia e máis alá”.
Á Festa asistiron numerosas autoridades dos municipios da contorna. Foi o caso das alcaldesas de Boimorto, Chus Novo, e de Teo, Lucía Calvo de la Uz; e dos alcaldes de Frades, Roberto Martínez; e de Oroso, Álex Doval. Tamén estiveron presentes concelleiros do PP de Arzúa e de Rois.
Premios aos mellores galos e galiñas
A mediodía entregáronse os galardóns aos mellores exemplares que se puideron contemplar no Pino. O xuíz certificado pola Federación Española de Avilcutura, Guillermo Vega, foi o encargado da valoración técnica das aves expostas. O galo piñeiro é unha raza que tivo enorme importancia histórica, económica e gastronómica, e destaca polo seu forte carácter; e pola carne magra de sabor intenso, que provén dunha crianza tradicional, sustentable e harmónica co territorio. A Asociación Galiña Piñeira (AGALPI) conta na actualidade cuns cen asociados (dobrando nos últimos meses o número de criadores), e continúa traballando para o recoñecemento desta especie a nivel institucional.
A relación de galardoados na XXII Feira de galos e galiñas de raza piñeira 2023 é a que segue:
- Mellor exemplar do monográfico 2023: Víctor Reboredo (Barro).
- 1º premio ao mellor galo branco: Víctor Reboredo (Barro).
- 2º premio ao mellor galo branco: Juan Carlos Soto (Vila de Cruces).
- 1º premio ao mellor galo ancestral: José Ramón Cillero (Vila de Cruces).
- 2º premio ao mellor galo ancestral: Alejandro Bocija (Cobas, Ferrol).
- 1º premio á mellor galiña branca: José Ramón Cillero (Vila de Cruces).
- 2º premio á mellor galiña branca: Juan Carlos Soto (Vila de Cruces).
- 3º premio á mellor galiña branca: Óscar Rodríguez (Mos).
- 1º premio á mellor galiña ancestral: Eladio Ucha (Meis).
- 2º premio á mellor galiña ancestral: Óscar Rodríguez (Mos).
- 3º premio á mellor galiña ancestral: Eladio Ucha (Meis).
- 1º premio ao mellor galo de curral: Óscar Rodríguez (Mos).
- 2º premio ao mellor galo de curral: Daniel Rojo (Monterroso).
Degustación de galo piñeiro e xantar popular
O músico José Manuel (Os Trovadores) de Eme Music foi o encargado de amenizar a sesión vermú previa á lectura do pregón e a entrega de premios da Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira. Durante este momento musical, o público puido repoñer forzas nunha degustación de galo piñeiro que distribuíu 125 quilos de tapas elaboradas con esta carne. Despois, levouse a cabo un xantar popular, masivo coma en ocasións anteriores, coa asistencia dun milleiro de persoas, servido polo Restaurante a Magdalena e no que o galo foi un dos protagonistas do menú.
Feira de Artesanía no Camiño e outras actividades
O Pino gozou durante todo o día con actividades que encheron as rúas, desde as bombas de palenque ás 8:30 da mañá ata última hora da tarde. Os milleiros de asistentes á festa puideron visitar a Feira de Artesanía no Camiño, na praza de Forcarei, con postos de produtos feitos a man na comarca; actividades participativas; talleres de demostración de traballos artesáns como o a cantería ou ferreiría; e actividades de animación de rúa como música (a cargo da Charanga NBA), monicreques (con actuacións de Fantoches Baj) ou actuacións de maxia (a cargo do Mago Teto, que fixo varios pases durante a tarde). Postos de alimentación e foodtrucks completaron a oferta de ocio.
Espectáculo de Paco Martos e Mostra cabalar
En paralelo á Festa do Galo Piñeiro desenvolveuse durante toda a xornada a tradicional Mostra Cabalar, que xuntou un cento de equinos para participaren nos diferentes concursos morfolóxicos. Debe facerse mención especial ao premio Faísca, gañado pola egua Condesa de Cabaña como mellor exemplar de pura raza española nacido e criado en Galicia, que será a protagonista da imaxe da Mostra Cabalar en 2024. A xornada rematou con probas de arrastre e de doma e cun espectáculo ecuestre a cargo de Paco Martos Horse Show, xinete cordobés que destaca polas súas habilidades sobre o cabalo e a súa sabedoría como adestrador equino (vídeo resumo do espectáculo)
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, e as concelleiras e concelleiros do equipo de goberno local foron os encargados de entregar os premios aos gañadores da mostra cabalar, que nesta vixésima segunda edición foron os seguintes:
PREMIO ESPECIAL FAÍSCA
Condesa de Cabaña, de Yeg. O Piorno (Teo)
PREMIO ESPECIAL AOS MELLORES MOVEMENTOS
Coco MR, de Martín Ortigueira (Teo)
PROBA DE ARRASTRE
- 1º Azhara, de Luis Sixto (Santiago)
- 2º Aurita, de Juan Chorén (Santiago)
- 3º Rabo, de José Pena (Boqueixón)
EGUAS P.R.E. 7 E MÁIS ANOS
Gala CH, de Cebeiro (Teo)
CABALOS P.R.E. 7 E MÁIS ANOS
Ramsés, de Carla Calvelo (Santiago)
EGUAS PERCHERONAS
Azahara Ra, deYeg. J. C. Angrois
CABALOS PERCHERÓNS
Tor, de Hnos. Capis (Santiago)
POLDRAS CRUZADAS
- 1º Valeria, de Dosantos (Boqueixón)
- 2º Fabulosa, de Martín Ortigueira
- 3º Trufa, de Damián Seijo (Teo)
POLDROS CRUZADOS
Terror RR, de Ignacio Bestilleiro (A Estrada)
EGUAS CRUZADAS
- 1º HD Cristal, de Héctor Domínguez (Padrón)
- 2º Gala MR, de Gand. Míguez (Val do Dubra)
- 3º Uva, de Carla Calvelo (Santiago)
CABALOS CRUZADOS
- 1º Roncero TM, de Miguel Touceda (Valga)
- 2º Vanidoso, de Serafín Touceda (Valga)
- 3º Duque CN, de Manuel Cajaraville (Teo)
POLDRAS P.R.E. 1-2 ANOS
- 1º Seni Medina, Gand. Míguez (Val do Dubra)
2º Villa Arieiro, de Paula Touceda (Valga)
3º FG Clara, de Efrén Fuentes (Teo)
POLDROS P.R.E. 1-2 ANOS
Manacor Tou, de Yeg. Touceda (Teo)
POLDRAS P.R.E. 3-4 ANOS
- 1º Condesa de Cabaña, Yeg. O Piorno (Teo)
- 2º Caprichosa de Noia, de Martín Ortigueira (Teo)
- 3º Triana Maig, de José Mata
EGUAS P.R.E. 5-6 ANOS
- 1º Confitera Naig Vida, de José Mata (Teo)
- 2º Bruma RG, de Ramos García (Vedra)
- 3º Quemadora FC, de Gand. Barcia