O Concello fixo un investimento de 96.921 euros para adquirir o terreo, segundo a resposta facilitada polo alcalde ao PSdeG //
Adxudicadas a reparación das cubertas da centro sociocultural Luis Seoane e do pavillón de Lameiro para evitar filtracións //
O equipo de goberno rexeita a moción socialista sobre os traballadores do Consorcio Galego de Benestar //
Sanidade vai reparar o centro de saúde para acabar coas goteiras //
O Concello de O Pino vén de mercar unha parcela en Arca, situada diante do centro de saúde e da casa da cultura, coa finalidade de poder construír na zona o centro de día e a residencia da terceira idade, “se a edificabilidade permite facer aí os dous edificios”. Esta foi a resposta facilitada polo alcalde, Manuel Taboada, no pleno de onte á pregunta formulada polo voceiro socialista, Óscar Vilar. O alcalde explicou que cando tivo coñecemento de que se vendía esa leira, púxose en contacto cos propietarios para poder mercala.
Manuel Taboada explicou que o investimento que fixo o Concello nesta adquisición é de 96.921 euros, “que foi a valoración que fixeron os técnicos municipais deste solar”. Taboada sinalou que, inicialmente, os propietarios pedían unha cantidade moi superior, pero finalmente o Concello comprouna pola cantidade que dixeron os técnicos. “Deste xeito poderemos construír o centro de día na mesma zona na que xa se atopan o centro médico, a casa da cultura ou o colexio”, sinalou Taboada Vigo durante a sesión.
No último pleno ordinario do ano, o alcalde tamén lle contestou ao voceiro socialista que o Concello xa ten adxudicada á empresa Suárez Elaborados Metálicos a reparación das cubertas tanto da casa da cultura como do polideportivo de Lameiro para rematar cos problemas de filtracións de auga que teñen ambos edificios. En total, o Concello reservou uns 35.000 euros para as dúas actuacións, “que se acometerán en canto mellore o tempo, porque o empresario dixo que ata que non estea todo seco non vai iniciar os traballos”. Ante esta resposta, o voceiro socialista decidiu retirar a moción presentada ao respecto. Taboada explicou que o problema destas filtracións viña do sistema de canalóns interiores que teñen os tellados de ambos edificios, e que coa actuación contratada serán resoltos.
O PSdeG tamén retirou a moción para instar á Xunta a reparar o centro de saúde para acabar coas goteiras despois de que o alcalde lera a carta remitida esta mesma semana pola Xerencia de Atención Primaria na que se informaba ao concello de que se está a espera de que mellore o tempo para poder acometer as obras necesarias para acabar coas filtracións, parte das cales se producen na marquesina do edificio.
Taboada dixo que a principios de decembro se comunicara á Xerencia de Atención Primaria estas deficiencias. Óscar Vilar recordou que o PSdeG xa presentara unha iniciativa similar no Parlamento de Galicia a finais de novembro, e que ían retirar a moción presentada no pleno para “darlle un tempo prudencial á Consellería para arranxar os problemas”.
Cos votos en contra do grupo de goberno popular quedou rexeitada a moción presentada polos socialistas para instar á Xunta a que se reúne co comité de folga dos traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, entidade que xestiona, entre outros, as escolas infantís A Galiña Azul. A proposta contou cos votos a favor de PSdeG e BNG (4) e en contra do PP (6), polo que foi desestimada.
O alcalde explicou que o persoal do Consorcio foi integrado no quinto convenio colectivo do persoal da Xunta, e que dentro do proceso de estabilización de persoal que está levando a cabo o Goberno galego, as condicións establécense na mesa xeral de empregados públicos, na que están representados os sindicatos CIG, CCOO, UGT e CSIF. Taboada recordou que ningún destes sindicatos apoia a folga do persoal do Consorcio, motivo polo que o PP do Pino rexeitou a moción presentada polo grupo socialista ao Pleno da Corporación.
En resposta ás preguntas formuladas polo grupo socialista, Manuel Taboada explicou que O Pino renunciou a subvención de 7.500 euros para realizar unha auditoría integral do sistema de abastecemento de auga no municipio porque “o concurso presentado para facer dita auditoría quedou deserto”. Ningunha empresa presentou ofertas nin na licitación pública nin no procedemento negociado, “argumentando que o custo para facer dita auditoría é máis do dobre que a subvención recibida polo Concello, por iso decidimos renunciar á mesma e devolver os cartos”, afirmou o alcalde.
Respecto da devolución dos avais presentados por Martinsa Fadesa para a construción do polígono industrial, Manuel Taboada explicou que se chegou a un acordo coa administración concursal polo que o Concello devolvíalle os avais por un importe global dun millón de euros e que Martinsa Fadesa retiraba o contencioso administrativo presentado contra o Concello. O terreos onde estaba previsto construír o polígono seguen sendo propiedade de Martinsa Fadesa e forman parte do concurso de acredores no que está inmersa a empresa.