A alumna de 6ºA co CPI Camiño de Santiago foi a seleccionada no concurso organizado polo Concello ||
Os debuxos da aula de 5A de Infantil; de Claudia Fernández, de 2ºA; e de Marta Paderne, de 4ºB, foron os outros gañadores ||
O día da Cabalgata de Reis recibirán como regalo un lote de libros e xogos ||
O Concello do Pino felicitará o Nadal coa postal de Nerea Garea García
A postal de Nadal deseñada por Nerea Garea García, alumna de 6ºA de Primaria do CPI Camiño de Santiago, foi a elixida polo Concello do Pino como postal institucional para felicitarlle estas festas á veciñanza.
O xurado encargado de fallar o concurso organizado pola Concellaría de Cultura tamén elixiu os deseños da aula de cinco anos, na categoría de Educación Infantil do CPI; a de Claudia Fernández Santos, de 2A de Primaria, e a de Marta Paderne Gaspar, de 4B de Primaria, como as gañadoras deste concurso no que participou o alumnado de Infantil e Primaria do colexio de Arca e da escola unitaria de Gonzar.
As gañadoras deste concurso recibirán o seu premio o vindeiro cinco de xaneiro no polideportivo de Reboredo, coincidindo coa chegada da Cabalgata dos Reis Magos que ese día vai percorrer todas as parroquias do Pino. Cada unha das gañadoras deste concurso recibirá un lote de libros e xogos.
O xurado do certame estivo formado pola animadora sociocultural Ana Vigo, o técnico de deportes, Iván Sanmartín, e a traballadora social Raquel Coto.