- As Súas Maxestades comezarán o percorrido dende o campo de festas de Pereira ás 10.45 horas ||
- Antes da recepción oficial, o Concello entregará os premios aos gañadores do Concurso de Postais ||
- Ás 19.30 horas será a chegada ao polideportivo de Reboredo ||
A cativada do Pino recibirá a visita dos Reis Magos de Oriente o venres 5 de xaneiro. Os nenos e nenas das diferentes parroquias do municipio protagonizarán esta xornada máxica e chea de nervios na que poderán conversar coas das Súas Maxestades e mesmo entregarlles as cartas que quedaran sen enviar.
Os principais puntos de encontro serán os campos das festas parroquias, excepto en Castrofeito, que chegarán un ano máis á Escola de Santiso, e en San Miguel de Cerceda, coa recepción na Igrexa.
O percorrido comezará en Pereira ás 10.45 horas, pasando ao longo da mañá por Castrofeito (11.10 h.), Budiño (11.35 h.), O Pino (12.00 horas), Gonzar (12.20 h.), Medín (13.00 h.), Pastor (13.30 h.) e Lardeiros, ás 13.50 horas.
Xa pola tarde, a comitiva retomará o itinerario ás 17.30 horas na parroquia de San Breixo, para continuar por San Mamede (17.45 h.), San Miguel de Cerceda (18.05 h.) e Cebreiro (18.30 horas).
Ás 19.30 horas a cita será no polideportivo municipal de Reboredo, en Arca, onde terá lugar a recepción oficial.
Mentres as nenas e os nenos do Pino agardan a chegada da cabalgata poderán gozar coa animación, os inchables e a festa organizada no polideportivo municipal de Reboredo. Neste tempo de espera o Concello aproveitará para entregarlle os seus agasallos ás persoas gañadoras dos premios do Concurso de Postais.
A xornada rematará cunha chocolatada e roscón de Reis a todas as persoas asistentes.