PATRIMONIO NATURAL
Se unha cor tivese que definir un concello, a cor verde sería o emblema de O Pino. Verdes en moitos matices, mesturados coa ampla gama das cores terra.
Os cauces do Río Tambre, incluído dentro dos espazos protexidos da Rede Natura 2000, debuxan interesantes recunchos e provocan magníficas paraxes naturais, ademais de deixar mostra ó longo do seu curso de muíños de auga, áreas recreativas ou praias fluviais.
Mostra dalgúns destes elementos naturais son as áreas recreativas de Pontedapedra en Medín e a Praia Fluvial de A Tarroeira.
Outras paraxes de obrigada visita no Concello de O Pino son a Carballeira da “Feira do Vinte” na parroquia de Cebreiro, a fermosa área recreativa de A Magdalena en Castrofeito e a Fervenza do Río Noa.
PATRIMONIO CULTURAL E HISTÓRICO
A viaxe ó pasado déixanos diferentes perlas coas que lembrar épocas de lonxe no Concello de O Pino. Historias e vidas que recreamos a partir de elementos arquitectónicos que se poden visitar neste municipio.
ARQUITECTURA RELIXIOSA
Neste capítulo é obrigada referencia á coñecida como A Catedral da Montaña, a Igrexa de San Xulián de Lardeiros, que destaca polas súas dimensións e beleza. En Gonzar érguese tamén maxestuosa a Igrexa de Gonzar. Din que preto do altar maior deste templo está a tumba de Josefa Torres, misteriosa muller que segundo conta a lenda estivo varias décadas sen comer nin beber polo que se lle comezou a dar sona de santa. Figuras literarias como Emilia Pardo Bazán escribiron algún relato inspirado nesta enigmática muller.
Ademais destas dúas, no Concello de O Pino atopamos outras once fermosas igrexas parroquiais: San Breixo de Ferreiros, San Mamede de Ferreiros, San Xulián de Cebreiro, San Miguel de Cerceda, Santaia de Arca, San Vicenzo de O Pino, San Miguel de Pereira, Santa María de Castrofeito, Santa María de Budiño, San Esteban de Medín e San Lourenzo de Pastor.
En canto ás ermidas existen catro no termo municipal: Santa Irene en Arca, as de Santiso e A Magdalena en Castrofeito e a de San Andrés en Gonzar.
ARQUITECTURA CIVIL
O pasado das grandes familias que residiron en O Pino pode apreciarse nas grandes casas señoriais e rectorais que se atopan no municipio.
Mostra diso é o Pazo do Marqués de Montesacro ou Pazo de Bermás, que se sitúa no lugar que leva o mesmo nome de Bermás e acolle o maior cedro de Galicia.
O Pazo de Porto Outeiro, en Medín, conta cun escudo do século XVIII, co brazo armado de Vilardefrancos, o lobo dos Moscoso e torre de Pardiñas.
Destaca tamén o Pazo do Picón, en Arca, co escudo que presenta semellanzas co anterior e un labiríntico xardín a base de plantas de buxo. Preto de Arca, en A Rúa, existe un escudo que dá testemuña da existencia da residencia dun nobre. Ubícase no inmoble situado xusto ó carón do camiño de santiago
TODAS ESTAS EDIFICACIÓNS NOBRES SON PRIVADAS E O ACCESO ÁS MESMAS ESTÁ PROHIBIDO, SALVO AUTORIZACIÓN EXPRESA DOS SEUS PROPIETARIOS.
ELEMENTOS ETNOGRÁFICOS
No referente ós elementos etnográficos son moitas as mostras de cruceiros que existen en O Pino, atopándose exemplos de tódalas épocas e estilos en tódolos recunchos do concello. Un dos máis singulares é o de Lardeiros, que data do 1700 e conxuga dúas correntes artísticas o neoclásico e barroco. Tamén en O Pino, municipio rico en mostras da arte e tradición, atópanse numerosos hórreos, gran cantidade de muíños e moitas fontes e lavadoiros.
XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS
Destacan neste apartado o asentamento castrexo de San Lourenzo de Pastor, donde foi localizado un recinto ovalado de 110 metros de lonxitude, ademais de restos de cerámica sen decoración e dous torques de ouro de 22 quilates e 350 gramos de peso. Pódense contemplar no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, en A Coruña.
A outros dous castros localizados en Oza (San Mamede de Ferreiros) e Tarroeira (O Pino), súmase a ponte romana de Ponte Puñide sobre o Río Mera. Neste punto atopouse un Modium de bronce que está exposto no Museo Arqueolóxico Nacional e que pola súa inscrición data dos anos 360/370.