- Tanto Meteogalicia como AEMET anuncian fortes tormentas para esta fin de semana ||
- O encontro, previsto para este sábado, seguirase celebrando na área recreativa da Magdalena ||
- Animación, xogos populares, teatro, música e un xantar campestre conforman unha programación para todas as idades ||
O Concello de O Pino decidiu adiar para o vindeiro 17 de setembro a celebración da I Festa da Familia O Papaventosdebido ás previsións de mal tempo que anuncian para esta fin de semana tanto Meteogalicia como a Axencia Estatal de Meteoroloxía debido a unha profunda borrasca sobre as Illas Británicas. A festa íase celebrar este sábado na área recreativa da Magdalena, e agora retrásase dúas semanas.
“Queremos que as familias poidan gozar dun día cheo de actividades na área recreativa da Magdalena, e isto non será posible se chove, motivo polo que adiamos a celebración”, asegura a concelleira de Cultura, Eva Varela.
O vindeiro 17 de setembro, sábado, na área recreativa da Magdalena, na parroquia de Castrofeito, están programadas unha chea de actividades para publico familiar dende ás 12 do mediodía. Xogos, xincanas, obradoiros e espectáculos como ‘A eira do paporrubio’, ‘O estrano caso do dentista da rúa Brasov’ ou a música de ‘Uxía Lambona e a Banda Molona’. Haberá polbeiro para poder xantar e que as familias gocen dun completo día de diversión ao aire libre.
A programación botará a andar ás 12 do mediodía cunha festa holi, xogos populares, xincanas e obradoiros. Haberá actividades lúdicas como concursos musicais, obradoiros de camisetas e de papaventos ou xogos tradicionais pensados para todas as idades (tiro da corda, carreiras de sacos entre pais, nais e fillos/as, etc.). Tamén haberá equilibrios en cinta entre as árbores, campionatos de xogos de mesa, un espazo de ludoteca con manualidades… En definitiva, unha completa oferta de ocio que non se deterá en ningún momento da xornada.
As familias que o desexen poderán gozar dun xantar campestre. Xa pola tarde terán lugar diversos espectáculos de animación e música, algúns de forma simultánea. A eira do paporrubio, un espectáculo-obradoiro que combina xogos tradicionais, monicreques e música e o carromato de O estrano caso do dentista da rúa Brasov, un pasarrúas con maxia e clown centrado na delirante historia dun dentista da Europa do Leste que busca clientes para a súa consulta ambulante, son dúas das propostas. O espectáculo musical de Uxía Lambona e a Banda Molona poralle o broche a esta xornada de festa e convivencia coa súa reinterpretación de clásicos populares da música galega.