Unha boa cunca de caldo quente de galiña piñeira foi onte a protagonista da xornada de degustación organizada na casa de cultura de Arca dentro do Itinerario Gastronómico do Camiño Francés, que promove a Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés en Galicia para promocionar os produtos locais dos municipios polos que pasa esta ruta xacobea.
Para a ocasión, o restaurante Regueiro, de Arca, preparou unha pota dun excelente caldo de galiña piñeira, que os participantes degustaron con agarimo, iso sí, despois de deixalo arrefriar uns intres. Acompañado de empanada, xamón e tortilla, veciños e visitantes destacaron o intenso sabor do caldo, mentres conversaban sobre a excelente representación teatral que o Club de Maiores de Boqueixón acababa de facer no auditorio da casa de cultura.
A xornada de onte foi a última do Itinerario Gastronómico do Camiño Francés, que en días anteriores tamén se celebrou no Cebreiro, e en Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas, Melide e Arzúa, baixo o lema ‘Con caldo pan e viño… faise o Camiño’.
Máis fotos no Facebook do Concello (preme aquí).