- Continúa o programa Vai de praia con excursións a Sanxenxo, Boiro, Muros e O Grove //
- Aula Aberta ofrece tres citas: o xogo ‘A ruleta das letras’, o concerto ‘Brinca Vai!’ e a obra de teatro de rúa ‘Dous no camiño’ //
- A cativada a partir de 6 anos poderá facer mochilas, fundas ou camisetas no obradoiro de costura //
- Unha gran festa na Magdalena pechará a programación do verán o 3 de setembro //
Baños e cursos na piscina municipal, excursións á praia, espectáculos infantís ou un curso de costura son algunhas das actividades programadas polo Concello do Pino para gozar do mes de agosto no municipio. Unha gran festa da familia, con xogos, obradoiros, pulpería e o concerto de Uxía Lamboa e a Banda Molona pechará a axenda de verán na área recreativa da Magdalena o sábado 3 de setembro.
Nada mellor para combater o calor deste verán que os baños na piscina de Lameiro e as excursións á praia. A piscina, que está aberta todos os días dende o mediodía ata as oito da tarde, conta con abonos individuais e familiares cun prezo entre os 6 e os 24 euros. Ademais, acolle cursos de natación para cativada e persoas adultas de luns a xoves.
Pola súa parte, o programa Vai de praia leva á veciñanza a distintos areais ao longo do verán. En agosto, están programas saídas ás praias de Caneliñas en Sanxenxo (día 2), Boiro (día 9), San Francisco en Muros (día 23) e San Vicente do Mar no Grove (día 26).
Agosto é tamén o mes da gran festa do Pino, a Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar. Celebrarase a vindeira fin de semana do 6 e 7 de agosto. Un concerto de tributo a Queen e o espectáculo de lume e música Terras de Queimada abrirán a celebración na noite do sábado e, xa o domingo, desenvolveranse as feiras de galos, de cabalos e de artesanía. Ademais, os asistentes poderán participar na degustación gratuíta de galo piñeiro e nun xantar popular, gozar coa música da charanga ou da sesión vermú, e coas exhibicións, obradoiros e actividades infantís.
Espectáculos infantís e teatro de rúa
Aula Aberta, iniciativa cultural e educativa do Concello pensando na conciliación familiar, fixa tres citas no mes de agosto. Dúas delas enmárcanse no programa Ler conta moito: o día 9 nenas e nenos poderán xogar en ‘A ruleta das letras’ e o día 30 Paco Nogueiras presentará o seu espectáculo musical Brinca Vai! Ámbalas dúas actividades desenvolveranse na Casa da Cultura ás 11.30 horas. A terceira cita está marcada para o xoves 25 de agosto na praza do Concello con ‘Dous no camiño’, unha proposta de teatro de rúa que se achega de xeito sinxelo e divertido a tres das lendas xacobeas máis coñecidas.
Pensando en conxugar aprendizaxe e diversión, o Concello do Pino tamén programou para este mes un taller de costura para nenas e nenos a partir de seis anos, que van poder facer a súa propia mochila, fundas para libros ou tabletas ou customizar camisetas. O prezo é de 35 euros con material e as inscricións faranse na Casa da Cultura. Asimesmo, continúa, mentres duren as vacacións, a Escola de Verán.
Festa e romaría familiar
O programa de verán do Concello do Pino pecharase o sábado 3 de setembro cunha gran festa na área recreativa da Magdalena en Castrofeito. Dende o mediodía, peques e maiores van poder gozar de xogos tradicionais, xincanas, obradoiros, teatro ou maxia. Contarán con pulpería e food-trucks para comer alí e, como fin de festa, poderán cantar e bailar co concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona a partir das 19.30 horas.