Camiño Francés
O Pino é o municipio galego que máis quilómetros posúe do Camiño Francés, concretamente 18, polo que discorren anualmente milleiros de peregrinos e peregrinas. A ruta pasa por cinco parroquias do municipio: San Breixo de Ferreiros, San Miguel de Cerceda, Arca, San Miguel de Pereira e Castrofeito.
Con Arzúa ás costas do camiñante, comeza o percorrido neste concello pola parroquia de San Breixo, en Ferreiros. O Camiño vai xogando con múltiples recunchos e estampas únicas en beleza, tinxidas de verde na súa ampla gama cromática e de tons terra. O camiño pasa polos lugares de Calzada, Calle ou Boavista.
A medida que se avanza no Camiño, agochados entre a vexetación, atópanse detalles que fan referencia ao culto xacobeo. Os míticos montóns de pedras, o solitario par de deportivos de bronce que recordan a figura de Guillerme Watt, peregrino belga que faleceu tan pronto como chegou a Compostela ou incluso o paso doutros camiñantes con pequenos altares naturais improvisados en calquera estante natural. Xunto a eles, caprichos da natureza como unha árbore situada cerca dunha fonte e que presenta ocos iguais nas dúas caras.
Dende San Breixo de Ferreiros, o Camiño mantén un constante zigzag co actual trazado da estrada nacional 547. Paso tras paso o camiñante alcanza o núcleo de Salceda, onde de novo se suceden panorámicas vexetais conxugadas de forma harmoniosa coas construcións que se distribúen nesta zona do concello.
Encamiñados cara ao Xen, situado a 400 metros de altura, crúzase varias veces a estrada para iniciar un descenso que leva á parroquia de San Miguel de Cerceda, e tras un pequeno descanso nunha curiosa área á esquerda co Camiño de Compostela, chégase a O Empalme.
O Camiño continúa ata Santa Irea, onde se sitúa a ermida que leva o mesmo nome, acompañada dunha fonte con augas supostamente curativas. Segundo a lenda, neste lugar foi sacrificada a santa que dá nome ao enclave. A ermida é unha edificación relixiosa sinxela, que atesoura no seu interior un interesante retablo e varias imaxes, entre outras, a de San Pedro e Santa Irea. Data da Idade Media e foi realizada grazas á doazón dunha parella de nobres que residían cerca, na coñecida antigamente como Aldea das Dúas Casas, hoxe tamén un dos puntos polos que discorre o Camiño Francés. Na parte inferior da capela está a mencionada fonte, onde antano existía unha fermosa imaxe de Santa Irea, que foi roubada.
Deixando atrás o templo, cruzando unha antiga estrada, atópase un impresionante carballal, escenario cada 29 de xuño da multitudinaria romaría de San Pedro.
De volta ao Camiño, e tamén en Santa Irea, a carón da nacional 547, encóntrase o primeiro dos albergues de O Pino. Sitúase no inmoble que nos seus tempos fixo as funcións de casa consistorial. Conta moi cerca cunha coidada área de descanso para os peregrinos e peregrinas que se pasean por estas terras. Continuando a ruta, pásase por diante dun serradoiro e tras pasar por fermosas sendas naturais, chégase a A Rúa, onde se sitúa unha histórica fonte. Este núcleo remóntase á Idade Media e segundo as crónicas, acolleu hai séculos un inmoble que facía ás veces de hospital para peregrinos e de rudimentario albergue.
Seguindo en descenso, crúzase un pequeno regato, e de novo chégase á estrada. Aquí existen dúas opcións para o peregrino/-a: unha, camiñar uns metros máis arriba pola propia estrada e descansar no albergue de Arca, ou dous, continuar de fronte, dende O Burgo, que é o nome do lugar onde está o camiñante, para seguir a ruta. O albergue inaugurado no ano 1993 e restaurado en 2022, ten capacidade para máis dun centenar de persoas. Dispón de cociña, salón con cheminea, lavandería e un agradable pórtico. A Ruta Xacobea dende o Burgo atópase delimitada de novo por árbores e arbustos. Liña verde para desembocar no Colexio Público Camiño de Santiago e que continúa, pasos despois, noutro bosque onde, segundo a historia, houbo varios castros. Son enclaves que recordan en certa medida aos xa vistos en San Breixo ou en Santa Irea (salvo que nesta ocasión cara á onde imos é cara ao núcleo coñecido como Santo Antón.)
Neste punto existía, hai séculos, unha capela que foi destruída por un incendio e da que toma o seu nome a aldea, que tamén pertence a Arca. Continúase ata chegar a San Miguel de Pereira, en Amenal e o percorrido segue por Cimadevila ata chegar ao aeroporto de Lavacolla que delimita a fin do Pino e o inicio das terras compostelás.
Camiño do Norte
Outra das rutas de peregrinación que pasa polo concello é o Camiño do Norte, na súa variante da Mota. Está antiga vía unía o Mosteiro de Sobrado do Monxes con Compostela e confluía coa vía francesa en Lavacolla, seguía o itinerario da vía romana XIX que conectaba Lucus Augusti e Iria Flavia.
Este camiño ao seu paso polo concello percorre as parroquias de Santo Estevo de Medín, Santa María de Gonzar, San Vicente do Pino e Santa María de Castrofeito.
Entra no concello polo Monte Vilar seguindo o trazado dunha pista que vai paralela ao Regato dos Homes, quilómetro e medio despois chegamos ao núcleo do Couto Pequeño, unha aldea onde nos atopamos con exemplos de arquitectura tradicional galega como hórreos ou lavadoiros, e continuamos pasando polos lugares de Cedeira e Cimadevila.
Entramos na parroquia de Gonzar polo lugar de San Gregorio e seguimos camiñando ata a ermida de Santo André, rodeada por carballos, é un bo lugar para descansar.
Cen metros máis adiante o trazado continúa ao carón da estrada N-634 ata a Ponte Puñide, unha pequena ponte de orixe romana que atravesa o río Mera. O camiño transcorre ata o núcleo de Santiso, onde pasamos por diante da escola parroquial, construída grazas as doazón dos veciños emigrados na Habana, Montevideo e Bos Aires. Nesta mesma aldea atopámonos coa ermida de San Tirso e retomamos o camiño ao leste do monte chamado Millario, un topónimo de fonda vinculación co camiño. Os últimos setecentos metros do tránsito do camiño polo concello do Pino transcorren pola vía de servizo situada á dereita da calzada da N-634.