A iniciativa desenvolverase os mércores e xoves no centro sociocultural Luís Seoane de 17.00 a 18.30 horas ||
Quérese destacar O Pino como lugar de encontro para que os peregrinos “conten a súa historia e deixen pegada no Camiño” ||
Para participar nos talleres grupais é necesario reservar praza ||
O Concello do Pino e Rosi Blanco poñen en marcha unha iniciativa para que os milleiros de peregrinos que chegan a Arca poidan “deixar a súa pegada no Camiño compartindo a súa experiencia” a través de talleres de escritura que se denominan Encontros de Camiños e Camiñantes.
A intención e “ter un achegamento cos camiñantes a través da escritura expresiva, para rexistrar de primeira man as súas impresións da viaxe en talleres grupais de escritura que axuden a comprender que é o que motiva a tanta xente a poñerse a camiñar e gozar diso”, aclara Rosa María González Blanco.
Os talleres de escritura celebraranse os mércores e xoves pola tarde durante hora e media (de 17.00 a 18.30 horas) no centro sociocultural Luis Seoane e na súa contorna. O concello do Pino aportará o material necesario e Rosi Blanco encargarase de xestionar as reservas e realizar os talleres de escritura a través do seu proxecto ‘Yo soy un elefante rosa’.
“Escribir regularmente sobre a nosa experiencia e reaccións ten un impacto moi positivo, tanto na saúde física como emocional”, asegura a promotora deste proxecto. “Recoller estas vivencias do Camiño de Santiago, organizando unha actividade presencial e grupal, ofrece aos peregrinos unha forma de interactuar única e moi gratificante”, engade González Blanco, que invita aos camiñantes a “compartir a súa historia e deixar a súa pegada no Camiño”.
Participar nestes talleres é totalmente gratuíto, e para asistir requírese reservar praza a través do número de Whatsapp 613 869 815. Os grupos serán dun máximo de 10 persoas.
Nos seguintes documentos podes topar información sobre o proxecto e como inscribirte nos talleres