Un informe da Secretaría do Concello e do asesor xurídico advirte da ilegalidade da medida e da posible prevaricación dos concelleiros que votasen a favor |
Acordo unánime para pedirlle ao Sergas que cubra todas as ausencias da pediatra do centro de saúde do Pino |
Rexeitadas as alegacións dos socialistas ao orzamento municipal e aprobada a modificación do proxecto de mellora da estrada de Budiño |
A Corporación do Pino celebrou esta mañá dúas sesións extraordinarias, unha a instancia do equipo de goberno e outra a petición do grupo socialista. O Pleno solicitado polo PSdeG para declarar a nulidade da sesión celebrada o pasado 18 de decembro acabou cunha pequena sorpresa. A proposta foi rexeitada cos oito votos do PP e do BNG, mentres que os concelleiros socialistas se abstiveron. O informe da Secretaría do Concello e do asesor xurídico municipal propoñía desestimar a proposta dos socialistas por non axustarse á legalidade vixente e advertía da posible prevaricación dos concelleiros que votasen a favor da mesma.
O portavoz socialista, Óscar Vilar, tentou modificar a proposta de acordo que figuraba na convocatoria do Pleno de hoxe (debate e aprobación, se procedese, da declaración de nulidade do pleno extraordinario celebrado o pasado 18-12-2019 por vulneración manifesta do distinto ordenamento xurídico) por outra na que se solicitaba iniciar o trámite de nulidade.
Despois de que a secretaria lese íntegro o informe xurídico emitido e asinado tamén polo asesor xurídico do Concello, tanto PP como BNG votaron en contra de modificar a proposta de acordo (8 votos) como pedía o PSdeG (2 votos).
Na defensa da súa postura, Óscar Vilar recordou que xa presentara un contencioso ante a xustiza por considerar que se vulneraron os dereitos fundamentais dos concelleiros socialistas, ao non seren convocados formalmente a dita sesión, polo que pediu a nulidade da mesma. Tamén criticou que o alcalde non convocase a sesión de hoxe e a mesma tivese que celebrarse a instancia da Secretaría do Concello. Aínda que na sesión emendou a súa proposta inicial, para que se acordara iniciar os trámites de nulidade, tanto PP como BNG votaron en contra desta posibilidade.
O alcalde, Manuel Taboada Vigo, insistiu en que para o equipo de goberno o Pleno de decembro estaba convocado en tempo en forma, seguindo o mesmo procedemento que toda a lexislatura anterior, e que por iso non convocou a sesión extraordinaria desta mañá.
Unha vez rexeitada a emenda, someteuse a votación a proposta inicial dos socialistas. A mesma foi rexeitada sen ningún voto a favor, xa que o PP e BNG votaron en contra (8 votos) e, tras coñecerse o informe xurídico lido pola secretaria municipal, os dous concelleiros socialistas presentes na sesión optaron por absterse.
Nesta segunda sesión tamén foi rexeitada cos votos en contra do PP e BNG e a favor do PSdeG convocar o último pleno ordinario de 2019 o vindeiro 6 de febreiro. Os socialistas insisten en que a sesión de decembro non foi convocada en tempo forma, mentres que o equipo de goberno sostén que si tivo validez.
Unanimidade para mellorar o servizo de Pediatría
Onde si houbo unanimidade foi na moción para solicitarlle á Xunta que se mellore o servizo de Pediatría no centro de saúde. Os socialistas recordaban que dende o 4 de novembro non se cubriu a ausencia da pediatra titular, ao que o alcalde replicou que o servizo está xa restablecido dende a pasada semana, cubríndose actualmente as vacacións da titular. Manuel Taboada recordou que o problema é a falta de pediatras para poder cubrir todas as baixas.
Finalmente, o Pleno aprobou por unanimidade dos tres grupos políticos solicitarlle ao Sergas que se cubran todas as ausencias da pediatra do centro de saúde do Pino.
Orzamentos en vigor e cambios na estrada de Budiño
No primeiro Pleno extraordinario da xornada debatéronse as alegacións presentadas polo grupo socialista, que criticou que non figurase unha partida específica para facer fronte aos pagos de dietas aos concelleiros e a asignación dos grupos políticos, e pediu que os orzamentos de 2020 non se aprobasen definitivamente ata que non se resolvese o contencioso que ten presentado o PSdeG contra o pleno celebrado o 18 de decembro.
O alcalde replicoulle que aínda que non hai unha partida literal, si están contemplados eses gastos nas bases de execución e o Concello asumirá os mesmos. “Aínda que non hai unha partida específica, si hai asignación económica”, dixo Manuel Taboada.
O alcalde baseouse no informe da Secretaría do Concello que indica que hai un defecto de forma na presentación das alegacións, para rexeitar a solicitude do grupo socialista, e aprobar definitivamente o orzamento municipal para este ano, para evitar a paralización do Concello.
As alegacións foron rexeitadas cos votos en contra do PP (6) e a favor do PSdeG (2). O BNG (2) abstívose.
Co respaldo do PP (6) e a abstención da oposición (4) tamén se aprobou a modificación dos proxectos correspondentes á mellora da estrada de Budiño (que atravesa esta parroquia dende a N-634 ata o límite co municipio de Oroso), que se executa en tres tramos.
O alcalde xustificou a medida no informe do director de obra, no que se sinala a necesidade de acometer algunhas actuacións para solucionar algúns imprevistos e garantir a seguridade viaria, como a instalación de varandas de metal, a substitución dalgúns tubos ou a construción dun muro de contención nun tramo, que ascendería a preto de 40.000 euros.
Para non incrementar o custo da obra, o técnico propón eliminar a capa de pedra e o rego asfáltico e deixar só unha campa de aglomerado sobre a zahorra unha vez ampliada a estrada, ao entender que o aglomerado compacta mellor sobre a zahorra.
O portavoz socialista criticou a medida e asegurou que o proxecto estaba mal redactado dende o principio, solicitando que se é necesario facer melloras, se dote da partida económica necesaria sen eliminar outras partidas previstas.
O alcalde replicoulle que nas obras civís é habitual facer modificados de proxecto, substituíndo unidades de obra por outras e recordando que non vai poñer en dúbida o informe realizado polo técnico director da obra.
As modificacións do proxecto, que está incluído no plan complementario 2018 da Deputación, foron aprobadas cos votos do PP (6) e a abstención de PSdeG e BNG.