-
As achegas están dirixidas á creación de novos negocios, á ampliación e ao mantemento do persoal e a cubrir as cotas da seguridade social das persoas autónomas
-
As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Deputación da Coruña dende mañá ata o 15 de abril
A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia unha nova convocatoria de axudas do Plan de Emprego Local (PEL 2021) dirixidas a pequenas empresas e persoas autónomas xa en activo coa fin de contribuír a fortalecer e consolidar o tecido empresarial dos municipios coruñeses.
As axudas, dotadas cun total de 4.260.000, desenvólvense a través de catro liñas diferentes: apoio á creación de novas empresas (2.260.000 euros), pagamento de cotas da seguridade social para persoas autónomas nos periodos nos que non reciben axudas doutras administracións (500.000 euros); a ampliación de persoal (1.000.000); e o mantemento dos empregados (500.000) en microempresas, pequenas e medianas empresas.
O prazo para facer as solicitudes comprende dende o 11 de marzo ata as 14:00 horas do 15 de abril. Tanto as solicitudes como toda a tramitación relacionada con esta convocatoria presentaranse por vía telemática a través da sede electrónica da Deputación da Coruña. O importe das subvencións concedidas oscilará entre un mínimo de 2.400 e un máximo de 17.500 euros.
A convocatoria publicada hoxe no BOP pode consultarse premendo aquí.
As bases, publicadas no BOP o 25 de febreiro, poden consultarse premendo nesta ligazón.