Os Reis Magos percorrerán as parroquias do Pino para conversar cos nenos e nenas do municipio este mércores, día 5. A comitiva real comezará a visita en Pereira ás 10.45 horas e rematará ás 19.30 na Praza do Concello, en Arca. Os principais puntos de encontro serán os campos de festas parroquiais, aínda que na zona urbana de Arca haberá ata cinco paradas das Súas Maxestades de Oriente coa fin de evitar aglomeracións. Ao igual que aconteceu o ano pasado, non se celebrará a recepción no polideportivo municipal e respectaranse as normas sanitarias para evitar a propagación da covid-19.
A visita por parroquias de Melchor, Gaspar e Baltasar hai anos que se vén realizando no Pino, onde nenos e nenas agardan con ilusión poder conversar cos Reis Magos e pedirlles agasallos. Ao longo da mañá, a comitiva real percorrerá Pereira, Castrofeito, O Pino, Gonzar, Medín, Pastor e Lardeiros, comezando ás 10.45 e cun intervalo de media hora entre parada e parada. Ás 16.00 horas retomarán a actividade en San Breixo, para dirixirse despois a San Mamede, San Miguel de Cerceda e Cebreiro. Finalmente, chegarán a Arca contra as seis da tarde e recibirán a cativada en cinco puntos: no campo de festas, na igrexa, na explanada da rúa Fontela, na Praza de Forcarei e na Praza do Concello.
Protección Civil colaborará coa organización para que se respecten as recomendacións das autoridades para frear o avance da pandemia, en especial a distancia social e o uso de máscara. Así mesmo, o Concello fai un chamamento ás familias para que respecten a distancia de seguridade e acudan a un só lugar para ver os Reis Magos, evitando deste xeito aglomeracións.
Este é o horario previsto para a comitiva de Reis, o vindeiro mércores 5 de xaneiro:
10.45 Pereira
11.15 Castrofeito (Escola de Santiso)
11.45 Budiño
12.00 O Pino
12.30 Gonzar
13.00 Medín
13.25 Pastor
13.50 Lardeiros
16.00 San Breixo
16.30 San Mamede
17.00 San Miguel Cerceda (Igrexa)
17.30 Cebreiro
18.00 Arca (Campo de festas)
18.20 Arca (Igrexa)
18.45 Arca (Explanada rúa Fontela)
19.10 Arca (Praza de Forcarei)
19.30 Arca (Praza do Concello)