-
Poderán enviar os seus debuxos o alumnado do CPI Camiño de Santiago e da Escola Unitaria de Gonzar, así como os nenos e nenas en idade escolar empadroados no municipio
-
O prazo permanecerá aberto ata o 27 de novembro e a ilustración gañadora será a felicitación institucional do Concello
-
Os premios consistirán en libros e material educativo e entregaranse o 5 de xaneiro, coincidindo coa Cabalgata de Reis

O Concello do Pino convoca unha nova edición do seu tradicional Concurso de Postais de Nadal, que este ano acada a súa vixésimo cuarta edición, co obxectivo de fomentar as artes plásticas entre a poboación escolar e contribuír á difusión das tradicións do Nadal. As bases da convocatoria foron aprobadas pola Xunta de Goberno Local o pasado 27 de outubro e publicadas este martes no Boletín Oficial da Provincia.
Poderá participar todo o alumnado escolarizado no CPI Camiño de Santiago e na Escola Unitaria de Gonzar, así como os nenos e nenas en idade escolar que estean empadroados no Concello do Pino, aínda que cursen os seus estudos noutros centros educativos.
O certame establece cinco categorías: educación infantil; primeiro ciclo de educación primaria, para alumnado de 6 e 7 anos; segundo ciclo, de 8 e 9 anos; terceiro ciclo, de 10 e 11 anos, e educación secundaria.
O tema será libre, aínda que os traballos deberán facer necesariamente alusión á celebración do Nadal e ser orixinais e inéditos. Todas as postais deberán incorporar a inscrición “O Pino, Bo Nadal e Feliz 2027”.
As ilustracións deberán realizarse en lingua galega sobre folio ou cartolina cun tamaño máximo DIN-A4. Poderase empregar calquera técnica artística, como pintura, acuarela, témpera ou collage, entre outras, procurando evitar materiais que poidan desprenderse cando as postais sexan expostas en posición vertical.
Cada alumno ou alumna, ou cada grupo participante, poderá presentar unha única postal. O traballo deberá ir identificado mediante un número asignado polo titor ou titora, que tamén figurará nos sobres correspondentes á obra e á documentación requirida.
As postais poderán presentarse a través dos propios centros educativos ou de maneira individual no Rexistro Xeral do Concello, dirixidas á Alcaldía, así como polos medios previstos na normativa de procedemento administrativo. O prazo permanecerá aberto ata o próximo 27 de novembro.
Un premio en cada categoría
A Concellería de Cultura e Educación concederá un premio por cada unha das cinco categorías, consistente en libros e/ou material educativo, como pinturas, libretas ou rotuladores. Os lotes terán un valor de 57,85 euros en educación infantil; 44,40 euros no primeiro ciclo de primaria; 41,19 euros no segundo ciclo; 44,95 euros no terceiro ciclo; e 35,50 euros en secundaria.
Entre os cinco traballos premiados, elixirase un gañador absoluto que será empregado como felicitación institucional do Concello do Pino.
O xurado valorará aspectos como a orixinalidade, a composición, a calidade, o deseño e a adecuación ao tema proposto. O resultado do concurso farase público a partir do 4 de decembro, e as persoas premiadas serán informadas a través dos centros educativos ou por correo postal.
A entrega dos premios terá lugar o 5 de xaneiro de 2027, coincidindo coa celebración da Cabalgata de Reis.
O Concello lembra que as postais premiadas pasarán a ser propiedade do Concello, que poderá reproducilas e difundilas en calquera soporte, sempre facendo constar o nome da persoa autora. Con todas as obras participantes farase tamén unha exposición para dar visibilidade ao talento artístico infantil e xuvenil do municipio.
Con esta iniciativa, o Concello do Pino dá continuidade a un certame xa consolidado no calendario do Nadal municipal e que busca estimular a creatividade dos nenos, nenas e adolescentes ao tempo que os implica na celebración e difusión das tradicións destas datas.
Consulta as bases e descarga o formulario de inscrición neste enlace.

