O Concello do Pino destinará a gasto corrente os 62.774 euros do POS+ Adicional da Deputación ||
Modifícase o trazado da senda peonil de Bugalleira a Rabal de Abaixo para garantir a seguridade viaria e favorecer a súa continuidade futura ata a praia fluvial da Tarroeira ||
Apróbase a conta xeral de 2021 tras desestimarse a única reclamación presentada
O Pleno Municipal do Pino acordou fixar como días festivos locais para o próximo ano os días 29 de xuño (festividade de San Pedro) e o 18 de maio (Ascensión do Señor). A sesión extraordinaria celebrada esta mañá serviu tamén para dar aprobación á proposta do equipo de goberno de destinar a gasto corrente a achega provincial de 62.774,44€ restante do Plan Único de Concellos POS+ Adicional. Ademais, debateuse e aprobouse a modificación do trazado da senda peonil de Bugalleira a Rabal de Abaixo.
A Corporación aprobou, cos votos a favor do PP (6) e abstención de PSdeG (3) e BNG (2), que os festivos locais de 2023 sexan os días 29 de xuño (San Pedro) e 18 de maio (Ascensión). A razón da modificación con respecto a outros anos é o feito de que a festividade da Madalena (22 de xullo) cadra en fin de semana. A xuízo do grupo de goberno, fixar esa data o día 18 de maio, tamén festiva no veciño concello de Santiago, no que traballan numerosas persoas do Pino, axudará á conciliación e favorecerá o descanso merecido da veciñanza. Ademais, este cambio non é algo inédito, pois a data da Ascensión xa foi fixada como festiva no Pino noutras ocasións anteriores.
Na sesión extraordinaria aprobouse tamén destinar a gasto corrente a achega provincial de 62.774,44€ do Plan único de concellos POS+ Adicional 2/2022, cos votos a favor PP, en contra do PSdeG e a abstención do BNG. Segundo explicou o alcalde do Pino, Manuel Taboada, esta modificación permitirá que o Concello poida facer fronte con maiores garantías a cuestións como o subministro eléctrico do alumeado público e outro tipo de facturas recorrentes: “Os recibos da electricidade e doutros subministros básicos aumentan cada mes”, remarcou.
Para o grupo socialista, trasladar os fondos do POS+ a gasto corrente é “abusar desta figura e perverter o plan único da Deputación, que foi deseñado para facer obras e servizos”. Porén, a xuízo de Taboada, esta é unha operación corrente, legal e moi estendida na xestión municipal: “Máis de 50 concellos da provincia están recorrendo a esta fórmula, que non é ningunha ilegalidade, porque senón a Deputación non o permitiría”.
Outro dos puntos debatidos na sesión de hoxe foi a modificación do contrato de obras da senda de Bugalleira a Rabal de Abaixo, na parroquia de Gonzar. Ante a previsión do Concello de darlle continuidade á senda peonil cara á praia fluvial da Tarroeira, propúxose unha modificación do trazado inicial. Deste xeito, en lugar de finalizar nunha zona estreita entre vivendas en Rabal de Abaixo, a senda cincunvalará o lugar polo nordés, evitando así situacións de risco tanto para os peóns como para os vehículos.
Ademais de incluír melloras como a instalación de pasos de peóns elevados, esta modificación non suporá un cambio no presuposto do proxecto, adxudicado á empresa Cosmalca S.L. por 648.249,20 euros. Ante o apunte do portavoz socialista de que algúns veciños están disconformes con esta variación do plan inicial e a súa petición de respectar o proxecto orixinal, o alcalde do Pino asegurou que a opción escollida é a que apoian a maioría dos veciños, segundo a información recollida polo equipo de goberno. “A modificación”, afirmou Taboada, “é urxente porque a obra xa está en execución e bastante avanzada”. A modificación foi aprobada cos votos favorables do PP, en contra do PSdeG e a abstención do BNG.
Por último, a Corporación aprobou o ditame da Comisión Especial de Contas a propósito da conta xeral do exercicio 2021, tamén co apoio do PP, a abstención do BNG e o rexeitamento do PSdeG. Á vista do informe elaborado pola secretaria-interventora sobre este asunto, a Comisión desestimou a única reclamación presentada durante o proceso de exposición pública, polo que a conta xeral de 2021 queda cumpridamente xustificada.