O Concello do Pino conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o próximo domingo 25 de novembro, cunha campaña de sensibilización protagonizada polos veciños e veciñas que participan nas actividades culturas e deportivas municipais rexeitando ás violencias machistas. Obradoiros educativos e espectáculos de teatro e maxia completan a programación promovida polo Concello coincidindo con esta conmemoración.
Entre as actividades máis importantes para esta xornada está campaña de sensibilización promovida polo Concello. Para levala a cabo, as persoas que participan en actividades culturais e nas diversas escolas e actividades deportivas municipais fixeron fotos con carteis alusivos ao rexeitamento desta lacra violenta. Centos de veciñas e veciños de todas as idades, dende os que participan en costura, na ximnasia por parroquias, ou os de running, tenis, futbito, ioga ou pilates, por citar algúns, ata os que acudiron á segunda etapa do Camiña e Descubre, sumáronse a esta iniciativa.
As actividades comezan, con todo, mañá mesmo. O CPI Camiño de Santiago acollerá unha charla que, baixo o título ‘Violencia de xénero no novo contexto dixital’, tentará sensibilizar á poboación adolescente da importancia de previr certas situacións á hora de utilizar as redes sociais e as ferramentas tecnolóxicas. Despois, ás 19.00 horas, a Casa da Cultura porá o escenario para outra conferencia, esta aberta a público familiar e educadores, sobre ‘O uso seguro e saudable das novas tecnoloxías’. Estas actividades impartiraas o colectivo Pantallas amigas, utilizando contidos audiovisuais e cunha metodoloxía dinámica, participativa e favorecedora do debate.
O mesmo recinto da Casa da Cultura será o lugar no que o venres, ás 11.30 h, se poña en escena a obra de teatro ‘Elisa e Marcela’, para alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO. O texto baséase na historia real do primeiro matrimonio homosexual feminino que interpreta a compañía A Panadaría. Ás 13.00 h, no CPI Camiño de Santiago, representarase o espectáculo ‘Maxia pola igualdade’, a cargo da ilusionista Fanny Triana, para os cursos 5º e 6º de Primaria e 1º da ESO.
Con estas accións, o Concello do Pino quere situarse activamente fronte á violencia de xénero, ante a cal só cabe a resposta que dan os veciños e veciñas do municipio: NON.