As dúas veciñas do Pino ofrecerán o día 24 un monográfico ao piano de Franz Lizst. ||
A gaiteira presentará o día 31 o seu quinto álbum, ‘FA’, unha introspección no eido da maternidade. ||
Ambos os dous concertos comezan ás 20.00 horas con entrada de balde, aínda que é necesaria a reserva previa. ||
O Concello de O Pino recupera a súa programación cultural de outono con dous concertos de alto nivel, no que se respectarán as medidas hixiénico sanitarias e será necesario reservar previamente as entradas. No primeiro, o día 24, serán protagonistas dúas veciñas de O Pino, as pianistas Marina Fernández e Ilona Timchenko. A semana seguinte actuará a gaiteira galega máis universal, Susana Seivane.
Ambos os dous concertos comezan ás 20.00 horas e celebraranse no auditorio do centro sociocultural Luis Seoane, que terá aforo limitado para respectar as medidas de seguridade e evitar a propagación da covid-19.
Ilona Timchenko naceu en Crimea e comezou a súa formación musical moi nova. Formouse despois en Rusia, Holanda, Italia e Francia, conseguindo números premios internacionais e actuando con afamadas orquestras de todo o mundo.
Actualmente vive en Castrofeito, onde lle deu clases a Marina Fernández, unha moza que naceu en Bejar e que leva catorce anos vivindo no Pino. Tras pasar polo Conservatorio Superior de Música da Coruña, Marina Fernández estuda actualmente na prestixiosa Schola Cantorum de París.
Despois de percorrer gran parte da xeografía nacional e europea actuando en prestixiosas salas, para esta moza residente en San Miguel de Cerceda, “unha das súas citas pendentes a nivel local é poder actuar na que considera a súa segunda casa, Arca, e estar acompañada dunha pianista do nivel de Ilona Timchenko”.
No concerto do día 24, que forma parte do programa Cultural Festival Internacional ‘O Teu Xacobeo’, Timchenko e Fernández ofrecerán un monográfico de Franz Lizst.
Para acceder ao auditorio será necesario reservar entrada, dende hoxe mesmo, chamando ao teléfono 981 511 065 (de 10.00 a 14.00 horas de lunes a venres) ou por correo electrónico ao enderezo cultura@opino.gal.
As prazas son limitadas e iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición. Entregaranse un máximo de 4 entradas por cada reserva previa, a as persoas que reserven máis dunha entrada declaran responsablemente que son convivintes.
O día do concerto, as persoas con reservada deberán presentarse cun mínimo de 15 minutos de antelación ao inicio do concerto (antes das 19.45 horas). De non facelo, esas prazas quedarán a disposición das persoas que se atopen na entrada sen reserva, e iranas ocupando por orde de chegada.
Susana Seivane, o día 31
Unha semana despois, o sábado 31, e tamén ás 20.00 horas, tocaralle a quenda a gaiteira galega máis universal. Susana Seivane volve aos escenarios tras oito anos de silencio discográfico para presentar o seu quinto álbum ‘FA’ (Fiz e Antón), unha profunda introspección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal.
Sen perder a súa esencia definitoria, Susana explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición e erixíndose como unha das máis virtuosas gaiteiras de tódolos tempos. ‘FA’ é o disco máis persoal ata agora de Susana Seivane.
Este concerto pertence ao programa cultural ‘Experiencias no Camiño Francés’ promovido pola Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés e cumprirá coas medidas hixiénico sanitarias. O acceso ao auditorio será de balde, pero requírese retirar as entradas dende o vindeiro luns, 19 de outubro, seguindo o mesmo procedemento que para o concerto do día 24.