A carreira contará con percorridos para todas as idades || Haberá trofeos, medallas, recoñecementos aos mellores disfraces individuais e grupais e chocolate con churros para todas as persoas participantes || A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o 26 de decembro || A praza de Forcarei acollerá tanto a saída como a meta e a entrega de premios ||
O próximo sábado 28 de decembro, o Concello do Pino converterase nun punto de encontro para amantes do deporte e do Nadal coa celebración da I San Silvestre do Pino. Esta carreira popular, organizada pola área de Deportes do Concello en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e co Club Atletismo O Pino, marcará unha nova tradición no calendario festivo do municipio, combinando a actividade física coa alegría propia destas datas.
O evento comezará ás 16:30 horas, coa saída na praza de Forcarei, que tamén será o punto de chegada. Durante a tarde, corredores de todas as idades, vestidos co espírito e coa simboloxía do Nadal, percorrerán as rúas do Pino nun ambiente festivo.
A carreira contará con probas adaptadas a distintas franxas de idade e condicións físicas. Os máis pequenos abrirán a xornada cun percorrido de 165 metros para a categoría de escolares nados entre 2019 e 2021. Deseguido, será a quenda da segunda categoría escolar, cunha distancia de 340 metros para nenos e nenas nados entre 2015 e 2018. Finalmente, ás 17.00 horas, os corredores da categoría absoluta, formada por participantes nados en 2014 ou antes, afrontarán un circuíto aproximado de 4 quilómetros.
Unha vez finalizadas as probas, a praza de Forcarei acollerá, a partir das 17.45 horas, a cerimonia de entrega de premios. Neste acto, recoñeceranse os tres primeiros clasificados na categoría absoluta, mentres que todos os nenos e nenas recibirán unha medalla conmemorativa pola súa participación. Haberá tamén chocolate con churros para todos os participantes.
A San Silvestre do Pino non será só unha competición deportiva, senón tamén unha celebración da creatividade e o espírito festivo do Nadal. Por iso, a organización outorgará premios especiais aos mellores disfraces, tanto individuais como grupais, nas categorías escolar e absoluta. Os participantes que desexen optar a estes galardóns deberán presentarse na liña de saída con antelación suficiente, para que o xurado, formado por membros do Concello, do Club Atletismo O Pino e da Federación Galega de Atletismo, poida avaliar as súas creacións.
A participación na carreira será totalmente gratuíta, aínda que será imprescindible formalizar a inscrición a través das páxinas www.carreirasgalegas.com ou www.atletismo.gal antes das 23.59 horas do xoves 26 de decembro. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin o mesmo día da proba, polo que se anima a todas as persoas interesadas a reservar o seu dorsal canto antes. O día do evento, os dorsais poderanse recoller na secretaría da competición, situada na mesma praza de Forcarei, cun límite de 30 minutos antes do inicio da súa carreira correspondente.
Desde o Concello do Pino, invítase a toda a veciñanza, así como a visitantes doutros puntos, a participar nesta primeira edición da San Silvestre. Xa sexa para correr, animar ou simplemente desfrutar do ambiente, a xornada promete converterse nunha festa do deporte e da ilusión propia do Nadal.
Para máis información, pode consultarse o regulamento completo do evento no arquivo adxunto.