- O obxectivo do goberno que preside Manuel Taboada é fixar poboación e axudar á mocidade a vivir nas aldeas //
- Os donos dos terreos teñen ata o 28 de abril para comunicar o seu interese en facer unha vivenda //
- Esta medida non afectará ao núcleo urbano de Pedrouzo //
A perda de poboación, sobre todo no rural, e o envellecemento son un dos principais problemas demográficos que afronta Galicia dende hai anos. Coa intención de reverter esta situación e que a xente moza poida vivir no rural a carón das súas familias, o equipo de goberno do Pino vai iniciar unha revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para facilitarlle aos actuais propietarios de parcelas a construción de vivendas unifamiliares. As modificacións faranse naquelas aldeas nas que a veciñanza solicite cambios, tanto para expandilas se hai interese como para reducilas no caso de que se constate que non vai haber incremento de poboación.
Para coñecer a opinión da veciñanza do Pino, o goberno municipal abre agora un período de consulta de dous meses. Nese tempo, todas aquelas persoas que queiran construír unha vivenda nalgún terreo próximo ás aldeas no que actualmente non se poden facer casas deberán comunicarllo por escrito ao Concello cubrindo o formulario que acompaña ao bando publicado dende a Alcaldía. “Unha vez recibamos estas comunicacións, faremos os trámites administrativos necesarios coa Xunta de Galicia para modificar a delimitación dos núcleos rurais segundo as necesidades manifestadas polos habitantes do municipio”, afirma Manuel Taboada.
O alcalde recorda que esta modificación do PXOM só a poden solicitar os actuais propietarios das parcelas sempre que teñan intención de respectar os usos e costumes do rural. “Trátase de facilitar a construción de vivenda unifamiliar en vez de grandes urbanizacións. O que queremos que é a mocidade se integre e viva no rural facendo perdurar oficios tradicionais como a agricultura, a gandeiría, o forestal ou a artesanía, e que poidan afianza as súas raíces vivindo preto dos seus familiares”, recorda Manuel Taboada.
A medida contempla “tanto a reorganización de núcleos tradicionais como a expansión dos mesmos nas diferentes parroquias do concello”, asegura o alcalde. Manuel Taboada incide en que “sempre que non haxa un impedimento legal, se vai facilitar o cambio para que se poida construír no caso de haber propietarios que soliciten facer unha vivenda nunha parcela próxima a un núcleo actualmente non urbanizable”.
Presentación das solicitudes
As persoas interesadas en facer unha vivenda unifamiliar teñen de prazo para comunicalo ata o 28 de abril cubrindo a instancia que acompaña ao bando. As intancias recollerán os datos persoais das persoas interesadas, así como unha declaración responsable na que se faga constar o desexo de construír unha vivenda coa referencia catastral da parcela e as motivacións ou vínculos con ese núcleo. Unha vez cuberto, o formulario deberá presentarse no rexistro municipal.
O alcalde, Manuel Taboada, aclara que esta iniciativa está pensada para os asentamentos rurais do municipio do Pino e que, en ningún caso, afectará ao núcleo urbano de Pedrouzo.
O bando e a instancia de solicitude poden descargarse no documento adxunto:
Bando e instancia da consulta para a nova delimitación de núcleos rurais