Pode beneficiarse quen tivera aberto o negocio durante o ano pasado ||
Os importes ascenden a 600, 1.000 e 1.500 euros segundo o número de persoas que traballen no negocio ||
Admítense gastos de aluguer, subministracións, seguros, cotas da Seguridade Social, nóminas dos traballadores e hipotecas ||
Para axilizar a tramitación, as persoas interesadas terán 20 días dende a publicación no BOP para presentar a solicitude e xustificar os gastos ||
A Xunta de Goberno Local do Concello do Pino aprobou na súa reunión do pasado martes unha nova liña de axudas para o sector da hostalaría e da restauración do municipio que conta cun montante global de 90.000 euros. Poderán solicitarlas os donos dos negocios que estiveron abertos durante o ano 2020. As peticións deberán tramitarse obrigatoriamente a través da sede electrónica do Concello do Pino (preme aquí).
As persoas interesadas poderán solicitar esta axudas unha vez que as bases saian publicadas no Boletín Oficial da Provincia (foron remitidas hoxe ao organismo provincial) e terán de prazo 20 días naturais para presentar a solicitude. Para axilizar a tramitación destas achegas, xunto coa solicitude as persoas interesadas deberán presentar xa a xustificación de gastos. O Concello terá depois 30 días naturais para resolver as axudas.
O importe das axudas variará en función do número de empregados de cada local. En todos os casos, a hora de computar o número de persoas empregadas terase en conta sempre ao dono ou xerente do negocio, aínda que estea dado de alta no réxime de autónomos.
Os negocios que conten con ata 5 empregados (incluído o dono ou xerente) recibirán ata 600 euros de axuda. Os que teñan entre 6 e 10 persoas empregadas, recibirán 1.000 euros, e os que conten con máis de 11 asalariados, ata 1.500 euros.
A esta convocatoria poderán presentarse as persoas físicas, xurídicas ou sociedades civís que teñan a sede da súa actividade no Pino e que mantiveran o negocio en funcionamento entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020 (non se terán en conta os períodos de peche decretado polas autoridades competentes).
Nesta convocatoria son subvencionables os gastos de aluguer, subministracións (luz, auga, electricidade), seguros de responsabilidade civil, cota de autónomos e seguros sociais, nóminas do persoal contratado e xuros de hipotecas.
As persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable na que deberán facer constar que a 1 de xaneiro de 2020 estaban dados de alta do RETA (Réxime de Traballadores Autónomos) e que seguen dados de alta cando se publiquen as bases do BOP, e tamén especificarán a relación de gastos subvencionables, así como as nóminas e recibo de liquidación de cotizacións cando se queiran xustificar gastos de persoal.
As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes para obter estas axudas dende o día seguinte á publicación das bases do Boletín Oficial da Provincia, e terán de prazo 20 días naturais. Todos os trámites faranse a través da sede electrónica do Concello.
Para facilitar a tramitación destas axudas, o Concello do Pino fai públicas xa nos documentos adxuntos tanto as bases da convocatoria aprobadas pola Xunta de Goberno Local como os anexos que foron remitidos ao BOP. Non obstante, as solicitudes non deberán presentarse ataque saia publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia.