-
A xornada abrirase ao mediodía coa apertura do espazo lúdico e unha festa holi //
-
Entre as actuacións destacan a do Mago Cali e o concerto de Uxía lambona e a banda molona //
-
Desenvolveranse obradoiros de camisetas e papaventos //
-
Para o xantar pódese levar comida da casa e tamén haberá pulpería //
A área recreativa da Magdalena, en Castrofeito, acollerá este sábado 17 de setembro a primeira edición da festa da familia O papaventos organizada polo Çoncello do Pino, unha xornada na que pequenos e maiores poderán gozar xuntos de xogos, obradoiros ou espectáculos, ademais dun xantar de romaría na carballeira. A celebración, prevista en principio para o 3 de setembro, tivo que ser aprazada por causa da chuvia.
A xornada festiva comezará ás doce do mediodía coa apertura dun espazo lúdico que permanecerá en funcionamento durante toda a xornada e contará con dúas zonas diferenciadas, unha delas reservada a bebés. Tamén ao longo do día se desenvolverá un xogo de pistas pola carballeira no que poderán participar todas as familias que o desexen.
Un dos pratos fortes da xornada chegará moi pouquiño despois da inauguración cunha festa holi que encherá de cor ás persoas participantes grazas a súa chuvia de pós. A maxia se prolongará coa actuación do Mago Cali a partir das 13.30 horas.
Bocadillos, tortillas ou empanadas servirán despois para cobrar forzas de cara á tarde. As familias poderán levar a súa propia comida no caso de querer vivir unha auténtica xornada de romaría, pero tamén terán a oportunidade de xantar na pulpería que vai estar instalada na Magdalena.
Cómpre non demorar moito a sobremesa para gozar cos xogos que comezarán ás 15.30 horas. A brisca, o tute, a escoba serán algúns dos entretementos de cartas cos que poderán gozar os maiores, mentres os pequenos poderán xogar tamén as cartas na versión moderna do Uno. Outra das opcións será o dominó. Pero ademais de xogos de mesa, adultos e nenos poderán participar en xogos grupais en familia como o brilé ou carreiras de sacos.
De xeito simultáneo, a partir das catro da tarde, desenvolveranse obradoiros para construír papaventos e para customizar camisetas. Para participar nesta última actividade, convén non esquecer levar algunha camiseta, preferentemente de cor branca.
Moitas sorpresas ao longo do día
Varios son os espectáculos que pecharán esta gran festa da familia. Con teatro e música, o actor Luís Iglesias e o músico Carlos Quintá convidarán ás familias a divertirse con orixinais versións de xogos tradicionais na ‘Eira do paporrubio’. Será logo a compañía Troula Animación quen ofrecerá un espectáculo de circo e teatro de rúa que, baixo o título de ‘O estrano caso do dentista da rúa Brasov’, de seguro que sorprende ao público e, por último, serán Uxía lambona e a banda molona quen poñan o colofón a esta primeira festa da familia O papaventos facendo cantar e bailar aos asistentes cun concerto cheo de ritmo no que misturarán cancións propias e outras moi coñecidas do folclore galego.
A festa, con todo, non rematará coa música. Xa vos imos dicindo que vai haber algunha que outra sorpresa e non só ao final. Logo non digades que non vos avisamos!