Concello de O Pino

+34 981 511 002 correo@opino.gal
  • Galego
Sede electrónica
  • Concello de O Pino
  • Concello
    • Saúda do Alcalde
    • Casa do Concello – Contacto
    • Corporación Municipal
    • Revista Faísca
  • Coñece O Pino
    • Situación, Xeografía, Economía
    • Persoeiros Históricos
    • Parroquias
  • Servizos
  • Áreas de Actuación
  • Turismo
  • Xestións
    • Sede Electrónica Concello O Pino
    • Contratación
    • Actividades
    • Concursos
    • Axudas e subvencións
    • Urbanismo
  • Emprego
    • Ofertas de Emprego Público
    • Ofertas de Emprego Privado
  • Novas

O Pino celebra a XXIV Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar cunha programación renovada e máis de 4.400 euros en premios

Novas

29/07/2025
29 Xul

A festa que se celebra este sábado e domingo exalta a raza piñeira, símbolo do municipio, cunha xornada chea de concursos, premios, música e actividades para toda a familia ||

A carreira de trotóns, a media maratón ‘Os 21 do Galo Piñeiro’ que conectará Arzúa e O Pino e unha concentración de vehículos clásicos son algunhas das novidades nesta edición ||

Haberá obradoiros, degustación de galo piñeiro e o tradicional xantar popular ||

O pregón correrá a cargo do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez ||

O Concello do Pino organiza esta fin de semana a XXIV Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, unha cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia que mestura tradición, gastronomía, música, deporte e cultura nun ambiente pensado para toda a familia. A festa celebrarase o sábado día 2 e domingo 3 de agosto, cunha programación renovada que inclúe máis de 4.400 euros en premios na Mostra Cabalar, destacando a nova carreira de trotóns, que repartirá 450 euros para os cinco primeiros clasificados.

A programación comeza o sábado cunha das grandes novidades deste ano: a carreira Os 21 do Galo Piñeiro, que conectará Arzúa e O Pino por tramos do Camiño Francés. A proba, organizada polo Concello do Pino, inclúe unha cita principal de 21 km que sairá ás 19.30 h da capela da Madanela (Arzúa), e outra de 8 km que comezará ás 19.50 h desde a parrillada A Esquipa (O Pino). Ambas rematarán na praza do Concello.

Ás 20.00 h, a praza de Forcarei acollerá o concerto de Píscore xunto coa Banda de Música de Arca, nunha proposta artística que combina humor, percusión e música en directo. A noite pecharase ás 22.30 h co concerto-espectáculo de Queiman, que ofrecerá unha orixinal fusión de tradición celta e forza rockeira.

Feira de raza piñeira, artesanía e animación infantil o domingo

O domingo será o día grande da festa, coa apertura da Mostra Cabalar (09.00 h) e da XXIV Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira (10.00 h), un espazo dedicado a exaltar esta especie avícola orixinaria do Pino, símbolo identitario do municipio. A feira busca recoñecer, conservar e difundir a importancia da raza piñeira, premiando os mellores exemplares de galos e galiñas vivas, así como animais de curral, e reforzando o compromiso do Concello coa súa protección e promoción.

Desde as 11.00 h, haberá pasarrúas coa Charanga NBA, apertura da feira Artesanía no Camiño e obradoiros demostrativos de bolillos, bordado ao aire, tornería, coiro ou xoguetes tradicionais e participativos de cerámica, pulseiras de coiro, pintura sobre tea.

Os máis pequenos poderán gozar da zona infantil con xogos xigantes, barca artesanal e espectáculos continuos de rúa co Mago Antón, Kinetiko e o Circo Chosco Távole (19.00 h).

Ás 13.00 h celebrarase a tradicional degustación gratuíta de galo piñeiro, que coincidirá coa sesión vermú de EME Music e o Dúo Ciclón, e coa entrega de premios da feira avícola.

O pregón oficial da festa, ás 14.30 h, correrá a cargo do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González Vázquez.

Coches clásicos e xantar popular

Como novidade, o domingo tamén se celebrará a partir das 11.00 h a I Concentración de Coches Clásicos e Históricos Festa do Galo Piñeiro, aberta a vehículos e motocicletas con máis de 35 anos. Un atractivo máis que engadirá variedade á programación e atraerá público de todas as idades. Para participar na concentración é necesario inscribirse na casa da cultura ou no teléfono 981 511 065. O prazo para anotarse remata o 30 de xullo.

Ás 15.00 h celebrarase o tradicional xantar popular baixo a carpa situada xunto á praza de Forcarei. O prezo do menú é de 25 euros e os tiques pódense adquirir nos establecementos de hostalería do Pino ata o venres 1 de agosto. As entradas dispoñibles poranse á venda o mesmo domingo, 3 de agosto, no stand que terá o Concello do Pino na praza de Forcarei.

Mostra Cabalar e nova carreira de trotóns pola tarde

A partir das 17.30 h retomarase a actividade da Mostra Cabalar, que este ano repartirá máis de 4.400 euros en premios, incluíndo o Premio Especial Faísca ao mellor exemplar de Pura raza española (P.R.E.) nado e criado en Galicia, así como o Premio aos mellores movementos P.R.E..

Como novidade, inclúese unha carreira de trotóns, dotado con 450 euros en premios, que terá lugar ás 18.00 h, seguido de exhibición de enganche e da tradicional proba de arrastre.

Ás 20.00 h entregarase a totalidade de premios da mostra, antes do comezo do espectáculo ecuestre Pura Vida (20.30 h), que combinará doma, elegancia e arte a cabalo.

A edición 2025 da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar pecharase ás 22.00 h na praza de Forcarei co musical Historia da Verbena, da man de La Oca Band, que ofrece un percorrido musical e audiovisual polas grandes cancións das verbenas galegas combinando narración, humor, baile e música en directo a cargo de nove artistas multiinstrumentistas.

A XXIV Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar é unha actividade subvencionada por Turismo da Deputación da Coruña e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Agacal, Agadic, Artesanía de Galicia e Abanca.

A veciñanza e visitantes atoparán no Pino unha fin de semana chea de tradición, cultura, diversión e identidade local, cunha festa que mestura tres celebracións en unha: a Festa do Galo Piñeiro, a Mostra Cabalar e unha ambientación de inspiración celta, lembrando as orixes desta raza avícola que chegou a Galicia da man dos pobos celtas.

 

Tweet
Share
Share
Pin
0 Shares
« Concurso de Murais Concello do Pino
O venres 1 de agosto farase unha xuntanza para tratar sobre o acordo da parcelaria de Gonzar II »

Concello

  • Saúda do Alcalde
  • Casa do Concello – Contacto
  • Corporación Municipal

Coñece O Pino

  • Situación, Xeografía, Economía
  • Persoeiros Históricos
  • Parroquias

Xestións

  • Contratación
  • Formularios
  • Sede Electrónica Concello O Pino

Emprego

  • Ofertas de Emprego Público
  • Ofertas de Emprego Privado

Descarga a App de Turismo

Legal

  • Aviso legal
  • Política de privacidade
  • Política de cookies

Contacto

Concello de O Pino
Enderezo: Rúa do Concello s/n
15821 Pedrouzo.- Arca (O Pino)
Tfno: 981 51 10 02
Fax: 981 51 11 23
Email: correo@opino.gal

© Concello de O Pino. Rúa do Concello s/n - 15821 Pedrouzo - Arca (O Pino)

  • Concello de O Pino
  • Concello
    • Saúda do Alcalde
    • Casa do Concello – Contacto
    • Corporación Municipal
    • Revista Faísca
  • Coñece O Pino
    • Situación, Xeografía, Economía
    • Persoeiros Históricos
    • Parroquias
  • Servizos
  • Áreas de Actuación
  • Turismo
  • Xestións
    • Sede Electrónica Concello O Pino
    • Contratación
    • Actividades
    • Concursos
    • Axudas e subvencións
    • Urbanismo
  • Emprego
    • Ofertas de Emprego Público
    • Ofertas de Emprego Privado
  • Novas
  • Galego