-
A obra estará rematada o ano que ven e será licitada e executada por Augas de Galicia ||
-
Situarase na zona da actual depuradora e o Concello ten que aportar os terreos ||
-
Os tres grupos políticos aprobaron tamén por unanimidade a subvención nominativa da Deputación para construír unha senda peonil en Lameiro ||
-
Cédese á Igrexa parte da parcela onde está construída a ampliación do cemiterio de Castrofeito ||
A Corporación do Pino aprobou hoxe por unanimidade o proxecto de construción da nova depuradora de Arca, que será licitada e financiada integramente pola Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, cunha inversión de 2,1 millóns de euros, e que servirá para evitar os problemas que existen actualmente na parroquia de Arca, sobre todo nas épocas de verán cunha maior afluencia de peregrinos.
Na sesión tamén se aprobou por unanimidade solicitar unha subvención nominativa á Deputación da Coruña para construír unha senda peonil en Lameiro por 83.514 euros; a cesión á Igrexa dunha parte da parcela onde está construída a ampliación do cemiterio de Castrofeito, así como os trámites para completar o proceso de administración electrónica do Concello.
O punto máis importante foi a aprobación do proxecto da nova depuradora de Arca, que se construirá na mesma zona onde se atopa a actual. “Supón un proxecto moi importante para o municipio, porque nos axudará a eliminar un problema de contaminación, sobre todo en épocas de verán e de alta afluencia de peregrinos, porque a actual estación non ten capacidade suficiente”, indicou o alcalde. Manuel Taboada engadiu que o proxecto contempla tamén a posibilidade de poder conectar nun futuro tan as parroquias de Pereira e Castrofeito a esta nova depuradora
O proxecto da nova estación depuradora de augas residuais foi contratado por Augas de Galicia (dependente da Consellería de Infraestruturas) que tamén financiará integramente as obras e se encargará da súa licitación. Aínda que o proxecto contempla financiación para tres anualidades, segundo explicou o alcalde no pleno as “partidas máis importantes son as contempladas este ano, con 300.000 euros, e, sobre todo, o ano que ven, con 1.700.000 euros, quedando unha pequena partida de 50.000 euros para o 2023. Isto quere dicir que a depuradora estará rematada o ano que ven”, asegurou Taboada Vigo.
O Concello terá que ceder os terreos onde se vai construír a nova depuradora, que deberá estar situada nun radio de 50 metros na que se atopa a actual.
Dende o PSdeG, Óscar Vilar, considerou “moi necesaria” esta infraestrutura e pediulle ao equipo de goberno que se sexa transparente tanto na exposición pública do proxecto como na compra dos terreos necesarios para a súa construción. Así mesmo preguntou se o proxecto contaba con todos os informes favorables.
Manuel Taboada respondeu que o proxecto contaba con todos os informes favorables e que a súa localización cumpre coa normativa vixente. O proxecto someterase a exposición pública, “e pedimos a todos os grupos que o apoien, porque trátase dun proxecto moi necesario para o municipio e para Arca. Todos somos conscientes dos problemas que temos de saneamento cando aumenta a fluencia de peregrinos”, engadiu Manuel Taboada.
Senda peonil e cesión para o cemiterio
Tamén por unanimidade se aprobou solicitar unha subvención nominativa á Deputación da Coruña para poder construír unha senda peonil dende beirarrúa a altura do polideportivo de Lameiro, ata o lugar de Vilaboa, onde conectará coa que está a executar nestes intres o Concello con fondos propios.
O proxecto ascende a 83.415 euros, dos que a Deputación aportará o 80% (66.811 euros) e o Concello o 20% restante (16.702 euros).
O alcalde explicou que esta petición tiña que estar aprobada e remitida a certificación do pleno á Deputación antes do día 30 de xuño, o que motivou a celebración do pleno. extraordinario.
Óscar Vilar (PSdeG) solicitou que a senda peonil se execute antes de que se lle vote a capa de rodadura a esta estrada local. Unha petición que vai “depender dos prazos que marque a Deputación. O asfaltado desta estrada temos que votalo no verán, se podemos licitar a senda peonil antes non hai problema”, indicou o rexedor, aínda que ve complicado que se poidan executar as obras nesta orde.
A Corporación aprobou tamén por unanimidade ceder ao Arcebispado parte da parcela na que se fixo a ampliación do cemiterio de Castrofeito. Segundo explicou o alcalde, cederanse 814 metros cadrados dos 2.700 que ten esta masa común propiedade do Concello. Este mesmo proceso xa se realizou previamente noutras parroquias.