Manuel Taboada asistiu esta mañá á reunión que se celebrou en Compostela entre os concellos aos que dará servizo ||
Goretti Sanmartín e Xan Duro presentaron os avances das negociacións e o anteproxecto para o edificio ||
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, apoiou esta mañá a proposta do Concello de Santiago de construír o novo parque comarcal de bombeiros na avenida do Cruceiro da Coruña, o que mellorará a operatividade e os tempos de resposta ás emerxencias que se poidan producir no Pino e nos municipios aos que atenderá este parque. Manuel Taboada participou na reunión presidida pola alcaldesa compostelá e na que Goretti Sanmartín explicou os avances do proxecto e das negociacións.
Trala xuntanza, Goretti Sanmartín explicou que todos os alcaldes e alcaldesas recibiron con satisfacción o anteproxecto do parque comarcal na nova localización, “que garante mellores tempos de resposta diante de calquera emerxencia nos diferentes municipios. Hai unanimidade ao respecto de que debe estar na avenida do Cruceiro da Coruña, non hai mellores alternativas”, dixo.
Pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade e Convivencia de Santiago, Xan Duro, explicou que “o Concello de Santiago xa ten un anteproxecto e está preparando a documentación para a licitación da redacción do proxecto unha vez teñamos asinado o convenio para a comarcalización”.
Goretti Sanmartín indicou que na reunión desta mañá tamén se abordou a necesidade de tramitar de maneira conxunta o convenio para a comarcalización do servizo e o convenio para a creación da nova infraestrutura. Tal e como explicou, “existe un acordo político claro entre Concello, Consorcio Provincial de Bombeiros e Xunta de Galicia, e agora é o persoal técnico das tres administracións o que está avaliando técnica e xuridicamente a proposta de convenio”.
Sanmartín apuntou que “a vontade das tres administracións e de todos os concellos implicados, en particular tamén do de Santiago, é que o servizo empece a funcionar canto antes, e o compromiso de todos e todas é axilizar todos os trámites na medida do posible”.
Ademais do alcalde do Pino e da alcaldesa de Santiago, na reunión que se celebrou no Pazo de Raxoi participaron os alcaldes e alcaldesas de Ames, Blas García; Teo, Lucía Calvo de la Uz; Boqueixón, Ovidio Rodeiro; Val do Dubra, Diego Díaz; Brión, Pablo Lago; e Oroso, Alexander Doval. O concello de Vedra estivo representado polo segundo tenente de alcalde, Enrique Vázquez. Non puido asistir a alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez.