Prorrógase o actual contrato por un ano para sacar o servizo a licitación e facer revisión de taxas durante 2024 ||
O Pleno aproba a conta xeral 2022, destinar a gasto corrente o POS+ Adicional e subir a taxa da auga conforme ao IPC ||
Ratificada por unanimidade unha modificación de crédito de 898.000 € para diferentes obras ||
O Concello do Pino vai implantar o contedor marrón para a recollida de residuos orgánicos en 50 puntos do municipio. Por este motivo amplíase o actual contrato coa empresa Servicios, Obras y Limpiezas, que seguirá recollendo o lixo no municipio un ano máis. O alcalde explicou que a intención do goberno municipal e sacar o vindeiro ano de novo o servizo a licitación e actualizar as taxa de recollida do lixo. No pleno deste mércores 27 de setembro tamén se aprobou a conta xeral de 2022, destinar a gasto corrente o POS+ Adicional, subir a taxa de agua conforme ao IPC e un expediente de modificación de crédito de 898.000 con parte do remanente positivo de tesourería que ten o Concello.
A modificación do contrato do lixo, para implantar o contedor marrón para a recollida de residuos orgánicos, e a prórroga do contrato a actual concesionaria aprobouse cos votos a favor de PP e BNG (9) e a abstención do PSdeG (2). O Concello destinará unha partida de 15.530,88 euros anuais para poder colocar o contedor marrón en 50 puntos do municipio, encargándose a actual empresa concesionaria da recollida e limpeza dos mesmos.
Na sesión tamén se acordou prorrogar un ano máis o contrato de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria á actual empresa, Servicios, Obras y Limpiezas SA, por 133.677,50 euros.
O alcalde, Manuel Taboada, explicou que esta prórroga do contrato será só por un ano e que durante 2024 o Concello fará un estudo económico financeiro para adaptar a taxa que se lle cobra á veciñanza ao servizo que recibe, e ter en conta tanto a frecuencia de recollida como as características dalgúns negocios como os da hostalaría. Taboada Vigo engadiu que o vindeiro ano volverase a sacar a licitación este servizo e actualizarase a ordenanza municipal. Esta foi unha das peticións do grupo socialista, que finalmente abstívose na votación.
O Pleno tamén aprobou destinar a gasto corrente os 389.550,29 euros do POS+ Adicional, Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña, cos votos a favor de PP e BNG (9) e en contra do PSdeG (2). A Conta Xeral de 2022 aprobouse cos votos do PP (7) e a abstención da oposición (4).
Tal como solicitou a empresa concesionaria, a taxa da auga vaise incrementar conforme ao IPC do mes de marzo (3,3%), para dar cumprimento deste xeito ao contrato de xestión do servizo de abastecemento de auga potable. O PSdeG criticou a subida de tarifas, replicándolle o alcalde que o Concello está obrigado a facelo segundo o contrato, e que a subida apenas vai representar uns céntimos máis no recibo da veciñanza. A proposta aprobouse cos votos a favor do PP (7), a abstención do BNG (2) e en contra do PSdeG (2).
A relación de postos de traballo, pola que se amortiza a praza de arquitecto municipal (unha vez que o titular renunciou voluntariamente a mesma) e a creación dunha praza fixa de persoal laboral fixo para o posto de tractorista, foi aprobada cos votos a favor de PP e BNG (9) e en contra do PSdeG (2).
Por unanimidade dos tres grupos aprobouse o expediente de modificación de crédito de 898.096 euros para destinar a diferentes obras. Os fondos proceden do remanente positivo de tesourería do Concello para gastos xerais, que despois desta asignación aínda se mantén cuns 487.000 euros en positivo.
Entre as obras que está previsto executar con esta modificación de crédito figura o arranxo da cuberta, fachadas, aulas e cambio de fiestras da escola unitaria de Gonzar, así como a ampliación de auga potable a diferentes localidades que o solicitaron. O cambio de cableado e cadros do alumeado público e o acondicionamento duns 25 quilómetro de pistas forestais son outros dos proxectos aos que se destinará este remanente.