-
O Grupo Popular presenta a proposta no pleno do mércores para axudar a fixar poboación no municipio ||
-
Os beneficiarios deberán estar empadroados no Pino durante un mínimo de cinco anos ||
-
No caso de segundos nacementos ou adopcións a axuda de 1.000 euros ||
-
Para menores con discapacidade a achega á familia será de ata 1.500 euros ||
O Grupo Popular no Concello do Pino, que ostenta o goberno, levará ao pleno do mércores a ordenanza reguladora de axudas á natalidade e para fixar poboación no municipio que contempla axudas de 750 polo nacemento ou adopción, sempre que a familia se comprometa a estar empadroada no municipio un mínimo de cinco anos. Esta ordenanza entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022.
O alcalde, Manuel Taboada, presentará esta iniciativa no pleno como medida “para axudar ás familias que teñan ou establezan o seu domicilio permanente no Pino. Queremos fixar poboación no rural e tentar evitar que a xente nova se traslade á cidade”. A medida enmárcase no ámbito da Lei de impulso demográfico de Galicia e ten unha dobre finalidade, “o fomento da natalidade, como medida complementaria de apoio ás unidades familiares e, por outro, fixar poboación dentro do termo municipal”, engade Manuel Taboada.
Estas axudas beneficiarán ás familias que teñan fillos, ou os adopten, a partir do 1 de xaneiro do ano que ven. Para poder solicitalas, o pai ou a nai do menor deberá levar empadroada no Pino un mínimo de nove meses no momento do nacemento ou a adopción e ten que comprometerse a seguir empadroado no Pino, xunto co menor, un mínimo de cinco anos despois do nacemento.
Poderán optar a estas axudas conxuntamente os proxenitores ou adoptantes, titulares do libro de familia, no que figure rexistrado o nacemento ou adopción, pero terá a condición de beneficiario só un dos proxenitores. En ningún caso se facilitarán as axudas aos proxenitores privados da patria potestade, ou se a tutela do menor fose asumida por unha institución pública.
Outro dos requisitos e ser español ou estranxeiro con residencia legal en España, e que o menor conviva co beneficiario no municipio do Pino, polo menos cinco anos. No caso de adopcións, o menor deberá ter tres anos ou menos.
Importe das axudas
O Partido Popular do Pino contempla nesta ordenanza que se someterá a consideración do pleno axudas de ata 750 euros polo nacemento ou adopción do primeiro fillo. Se o fillo é o segundo, axuda subirá ata os 1.000 euros.
Se o menor ten unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, a contía da axuda poderá chegar aos 1.500 euros.
No caso de partos múltiples, ou adopcións de máis dun menor, a familia terá dereito a percibir un 100% adicional por cada fillo ou filla.
O orzamento municipal do Concello do Pino para o ano 2022 xa incluirán unha partida orzamentaria para pagar estas axudas, destinadas a menores nacidos ou adoptados a partir do 1 de xaneiro. As solicitudes poderán presentarse durante todo o ano.
O alcalde agarda que “tanto o PSdeG como o BNG apoien esta iniciativa no pleno do mércores, pois pensamos que vai resultar beneficiosa para a veciñanza”. O equipo de goberno do Pino (PPdeG) ten maioría absoluta na Corporación.