-
O alumnado de 1º da ESO recreou unha escena que dá continuidade á obra realizada o pasado curso, inspirada no universo artístico de Luis Seoane
-
O proxecto busca achegar á rapazada a figura do artista, Fillo Predilecto do Pino, e darlle visibilidade ao talento local

O CPI Camiño de Santiago conta cun novo mural artístico realizado polo alumnado de 1º da ESO no marco da segunda edición de Encontros con Seoane, unha iniciativa promovida polo Concello do Pino e polo centro educativo para achegar ás novas xeracións a figura e a obra de Luis Seoane, Fillo Predilecto do municipio.
O proxecto desenvolveuse ao longo de todo o curso escolar baixo a coordinación do profesor de Educación Plástica Adrián Taracido, quen guiou os alumnos e alumnas nun proceso creativo baseado na interpretación e adaptación da linguaxe artística do recoñecido creador galego.
Nesta segunda edición, os estudantes asumiron o reto de darlle continuidade ao mural realizado o pasado ano. Así, se naquela ocasión a obra representaba unha muller sementando, nesta nova intervención artística a protagonista aparece recollendo a colleita, creando así unha narrativa visual que conecta ambas as dúas composicións e reforza a idea de traballo e vínculo coa terra, elementos moi presentes na obra de Seoane.

O mural xa pode contemplarse nun dos muros exteriores do CPI Camiño de Santiago, converténdose nun novo elemento de identidade para o centro educativo e nun escaparate do talento e da creatividade do alumnado.
Os obxectivos do proxecto
Encontros con Seoane naceu co obxectivo de divulgar entre a mocidade a figura dun dos artistas galegos máis universais e, ao mesmo tempo, fomentar a expresión artística e o coñecemento da cultura local. A iniciativa está promovida conxuntamente polo Concello do Pino e polo centro educativo, e conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.
A excelente acollida da primeira edición e o éxito acadado nesta segunda convocatoria consolidan o proxecto como unha proposta educativa e cultural de referencia dentro do municipio, coa intención de darlle continuidade nos vindeiros cursos.

Desde o Concello do Pino agradecen a implicación de todo o alumnado participante e do profesor Adrián Taracido, destacando “a calidade do traballo realizado e a capacidade da mocidade para reinterpretar o legado de Luis Seoane desde unha mirada actual”.
A través desta iniciativa, o Concello reafirma a súa aposta por achegar a cultura ás novas xeracións, poñer en valor as figuras máis destacadas da historia local e promover espazos nos que a educación e a creación artística camiñen da man.

