A peza titulada ‘Do día á noite, Festa do Galo Piñeiro’ está situada no espazo de lecer ecolóxico da rúa do Concello ||

O Concello do Pino inaugurará este venres, 29 de agosto, o mural Do día á noite, Festa do Galo Piñeiro, que está a pintar o Miguel Nieto, gañador do I Concurso de Murais organizado con motivo da Festa do Galo Piñeiro, declarada de Interese Turístico de Galicia. O artista madrileño recibirá un premio de 2.000 euros e 150 euros adicionais para mercar o material empregado para a obra.
Nieto iniciou o traballo o pasado luns, 25 de agosto, no espazo de lecer ecolóxico situado na rúa do Concello, onde a súa obra decorará a partir de agora un lugar de paso para milleiros de peregrinos e un punto de encontro para a veciñanza. Durante a súa estancia no Pino estivo acompañado polos seus pais, que tamén quixeron compartir con el esta experiencia artística e vital.

O madrileño Miguel Nieto, que estudou Bellas Artes en Madrid, pinta o mural no espazo de lecer da rúa do Concello, en Arca
O artista explica que o seu mural, Do día á noite, Festa do Galo Piñeiro, parte dun galo que marca o inicio do día, seguido polos cabalos que simbolizan a festa. “É unha sucesión, un movemento que avanza co paso do tempo ata chegar á noite. Do día á noite”, resume Nieto.
Natural de Madrid, este é o terceiro mural de Miguel Nieto tras pintar un na facultade de Belas Artes e outro en Tubilla del Lago (Burgos). Coñecía as Rías Baixas e A Coruña, onde a súa familia viña de vacacións sendo el un neno, pero asegura que nunca antes estivera no Pino nin nesta zona de Galicia. “Descubrín a convocatoria buscando activamente concursos de murais e chamoume a atención tanto o espazo como o tema dos animais”, recoñeceu.
A proposta de Nieto, Do día á noite, Festa do Galo Piñeiro, foi destacada polo xurado pola súa vinculación coa vida rural e coa festividade propia do municipio. “A representación dos cabalos, galos e a estrutura da terra amosan un vínculo claro coa identidade do Pino”, sinala o fallo, resaltando tamén “a orixinalidade do estilo, dinámico e evocador, e o uso da cor”, sinalaron.

Na primeira edición do Concurso de Murais do Pino participaron oito artistas de diferentes localidades españolas. O xurado estivo presidido polo alcalde, Manuel Taboada, e contou coa presenza do concelleiro José Fuentes, dos recoñecidos artistas Cándido Pazos e María Cruz Piñeiro, e de Manuel Rodríguez como secretario.
Acto inaugural
O alcalde Manuel Taboada será o encargado de inaugurar o mural este venres, 29 de agosto, no espazo de lecer ecolóxico da rúa do Concello.
Coa posta en marcha deste certame, o Concello do Pino quere apoiar a creatividade artística e dar novas oportunidades a artistas emerxentes, ao tempo que se embelece un espazo público moi frecuentado pola veciñanza e polos peregrinos do Camiño de Santiago. O obxectivo é reforzar a promoción cultural e turística do municipio a través da arte, vinculando o muralismo coa identidade local e coa Festa do Galo Piñeiro.


