O acto institucional inclúe a lectura dun manifesto e a presentación do III Plan de Igualdade 2021-2025 // Inaugurarase o Libro da Muller con mensaxes da veciñanza en favor da igualdade de oportunidades // O Concello programa actividades formativas e coeducativas ata o mes de maio //
O Concello do Pino conmemorará mañá o Día Internacional da Muller con varios actos nos que se implicarán diversos colectivos sociais e se presentarán iniciativas como o Plan de Igualdade que rexerá nos próximos anos. Ademais, considerando que o da igualdade é un traballo de longo alento, comezará un proxecto que levará actividades formativas para familias e xente moza que durará ata o mes de maio.
Para mañá martes, Día Internacional da Muller, o Concello do Pino organiza un acto conmemorativo no que se lerá un manifesto reivindicativo e se presentará o terceiro Plan de Igualdade municipal. O documento contén as accións que se levarán a cabo neste ámbito ata o ano 2025.
Neste mesmo evento presentarase o Libro da Muller, un libro de firmas onde quen queira poderá expresar a súa visión acerca da igualdade de oportunidades. Incluirá tamén reseñas sobre mulleres pioneiras, destacando as mulleres do municipio do Pino. Este libro quedará exposto na casa consistorial para quen queira manifestarse ou consultalo ao longo do ano.
Ademais, o comercio local implicarase na conmemoración da data en distintas accións de sensibilización á poboación. Por unha parte, participará na montaxe dun escaparate en tons violetas, os designados para a loita pola igualdade feminina. Por outra banda, os establecementos recibirán elementos de cartelería, bandas con mensaxes e unha alfombra malva coa que o Concello quere facer visible o compromiso da cidadanía do Pino con esta arela colectiva.
Por último, o alumnado do CPI recibirá un pequeno agasallo co que o consistorio quere colaborar coa concienciación desde as idades máis temperás.
A máis longo prazo, o Concello do Pino programa unha serie de actividades formativas e coeducativas nas que se incidirá na igualdade e na prevención da violencia de xénero. Levaranse a cabo ata o mes de maio. Neste marco, preténdense elaborar uns protocolos de actuación e incidir na formación do persoal municipal, como forma de resposta institucional a esta realidade e para mellorar recursos.
O Concello está elaborando tamén materiais informativos para as familias, que se publicarán en forma de guía para axudar a deter a lacra da violencia contra as mulleres. Para o público máis pequeno, porase en marcha unha campaña de xogo e xoguetes igualitarios. A modo de paneis informativos, instalaranse nos parques infantís e zonas de uso común recomendacións para evitar os comportamentos sexistas.
Esta programación forma parte dos eixos e liñas establecidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, financiado polo Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado e Igualdade e Contra a Violencia de Xénero.