O prazo para anotarse estará aberto do 8 de setembro ao 12 de outubro ||
A programación inclúe escolas para menores, actividades para persoas adultas e ximnasia de envellecemento activo nas parroquias ||
A oferta poderá ampliarse segundo a demanda e cinco faltas non xustificadas en tres meses suporán a baixa na actividade ||

O Concello do Pino abre o prazo de inscrición nas escolas e actividades deportivas municipais do curso 2026-2027. A programación inclúe propostas para menores de 16 anos, persoas adultas e grupos de envellecemento activo.
As escolas deportivas municipais para menores desenvolveranse do 1 de outubro de 2026 ao 31 de maio de 2027. A oferta inclúe psicomotricidade, baile moderno, multideporte, patinaxe, ximnasia rítmica, voleibol, predeporte, fútbol sala e bádminton.
Para a poboación adulta programáronse GAP e circuítos de forza, zumba, circuítos funcionais, pilates, ioga e bailes latinos. As actividades terán lugar nos polideportivos municipais de Reboredo e Lameiro e no centro sociocultural Luis Seoane.
A programación complétase coa ximnasia de envellecemento activo nos centros sociais de Pastor, Lardeiros, Gonzar, Ferreiros e Budiño.
Prazo e procedemento de inscrición
O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 12 de outubro. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, acompañadas do xustificante de pagamento da cota correspondente. Tamén será posible inscribirse e pagar en liña a través da plataforma App Reservas, nesta ligazón
Esta opción telemática só estará dispoñible para as persoas que se anoten nunha única actividade. Para formalizar a inscrición en varias actividades, aplicar descontos por familia numerosa ou resolver outras circunstancias, será necesario contactar co departamento municipal de Deportes ou acudir presencialmente ao Concello.
A documentación poderá recollerse nas dependencias municipais, de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas, ou descargarse na web municipal nesta ligazón.
As actividades das escolas deportivas municipais para escolares programadas entre as 15.30 e as 16.30 horas formalizaranse a través da ANPA do CPI Camiño de Santiago.
Prezos
Nas escolas deportivas para menores, a primeira actividade custa 40 euros ao ano para persoas empadroadas no Pino e 60 euros para as non empadroadas. A segunda actividade e as seguintes, así como as inscricións do segundo irmán ou irmá e seguintes, terán un desconto do 50 %.
Nas actividades para persoas adultas, o prezo da primeira actividade é de 55 euros ao ano para persoas empadroadas e 75 euros para as non empadroadas. A segunda actividade e as seguintes tamén contan cun desconto do 50 %.
A ximnasia por parroquias ten unha cota anual de 45 euros para persoas empadroadas e 90 euros para as non empadroadas, cunha redución do 50 % a partir da segunda actividade.
O pagamento deberá efectuarse integramente no momento da inscrición e non se admitirán fraccionamentos nin devolucións posteriores, salvo no caso de cancelación da actividade.
Novidades nas normas
Cada actividade precisará un mínimo de oito inscricións. Se non se acada esta cifra ao rematar o prazo, poderá ser cancelada. A oferta tamén poderá ampliarse, crear novos grupos ou incorporar outras actividades en función da demanda e das horas dispoñibles.
Co obxectivo de aproveitar adecuadamente as prazas, será obrigatoria a asistencia regular. A acumulación de cinco faltas non xustificadas nun período de tres meses consecutivos suporá a baixa na actividade, sen dereito á devolución da cota, e impedirá anotarse na mesma actividade na seguinte convocatoria anual. As ausencias debidamente xustificadas non se contabilizarán.
Se as baixas provocan que un grupo quede por debaixo do mínimo necesario para continuar funcionando, o Concello poderá reconfigurar ou cancelar a actividade. En caso de cancelación, devolverase, cando corresponda, a parte proporcional da cota relativa ao período non desfrutado unicamente ás persoas que permanecesen no grupo ata ese momento. Non terán dereito á devolución as persoas que causasen baixa con anterioridade, abandonasen a actividade ou fosen dadas de baixa por acumular faltas de asistencia non xustificadas. Os horarios poderán sufrir modificacións unha vez iniciadas as actividades.
Para resolver calquera dúbida pódese contactar co departamento de Deportes do Concello do Pino no teléfono 981 511 002, extensión 6. Os horarios completos e toda a información poden consultarse na documentación da convocatoria (nesta ligazón).

