-
‘Cami’ foi atopada por unha peregrina o venres ao mediodía en Pedrouzo
-
A protectora solicitoulle ao concello que a coidara durante a fin de semana e o luns foi recollela
-
APACA emitiu un informe no que asegura que o animal estaba nunha gaiola de 4,5 metros cadrados, con auga, comida e ben coidada
O Concello de O Pino estivo custodiando o pasado fin de semana a unha cadela abandonada a petición da Asociación Protectora de Animais do Camiño (APACA), cuxos responsables solicitaron ao concello que coidase o animal ante a posibilidade de que puideran atopar unha familia adoptiva para ela. Deste xeito, o Concello nega rotundamente que estea a incumprir a Lei de Proteción e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, como denuncia o Partido Socialista e recollen diferentes medios de comunicación, que en ningún momento se puxeron en contacto co Concello para coñecer a súa versión.
Foi precisamente o presidenta de APACA, Santiago Piñán, e a xerente da entidade, Raquel Freiría, quen o pasado luns acudiron ata a nave municipal do Concello de O Pino a recoller o animal e comprobaron que a cadela estaba en boas condicións e ben coidada. Segundo o informe de APACA, o animal estaba nunha nave de propiedade municipal, “nunha gaiola duns 3 x 1,54 metros aproximadamente. No interior había unha camiña de can de tela, un balde con auga fresca e un caldeiro para comida. Ao lado da gaiola, sobre unhas táboas había penso, latas de comida húmida e unha garrafa de auga. O estado da cadela non era malo no momento en que nós a recollemos. Estaba tranquila e non mostraba signos de grande ansiedade. O canil estaba limpo e non cheiraba a feces nin a ouriña”.
O alcalde, Manuel Taboada, considera unha “falta de responsabilidade” difundir mentiras e lamenta que se estea a utilizar as situacións de abandono de animais no Camiño de Santiago para “acusar ao concello e desprestixiar o nome de O Pino, cando nós o único que facemos e cumprir a lei e colaborar coa protectora para darlle a mellor solución posible aos animais abandonados, como se demostrou neste caso”.
APACA entende que a nave municipal no que se atopaba ‘Cami’ “como centro de retención primaria para que un animal perdido ou abandonado pase as primeiras horas, mentres non ingresa nun Centro autorizado ou Casa de acollida, podería ser aceptable” sempre que se manteña nas condicións nas que se atopaba cando os responsables da protectora foron recoller. “Unhas condicións que sempre se cumpren”, asegura Manuel Tabaoda.
A coordinación entre APACA e o Concello de O Pino foi constante e total dende o momento en que unha peregrina, que responde ás iniciais G.S.S-P., atopara o pasado venres ao mediodía cerca de Pedrouzo, “a unha cadela desorientada, con claros signos de deshidratación e cansazo extremo”. Tras atendela e darlle auga e comida, a muller chamou á Asociación, onde lle facilitaron o número de teléfono do Concello de O Pino. Dende APACA, “como protectora de animais do Camiño” tamén falaron co alcalde, Manuel Taboada, para que recolleran o animal. Segundo recolle o informe, “o alcalde informou que a cadela estaría ben coidada toda a fin de semana” na nave municipal.
Cando o sábado chegou a Santiago, a peregrina acudiu as oficinas de APACA para cumprimentar a documentación necesaria nestes casos, “e mostrou o seu interese en axudar na procura dun adoptante para a cadela, que ela mesma bautizou como ‘Cami’, segundo recolle o informe da protectora remitido ao Concello de O Pino.
O informe da protectora continúa, literalmente: “Polo tanto, en vista das grandes posibilidades de que esta cadela poida atopar un fogar (de ser o caso de que non apareza o posible dono no prazo legalmente establecido e pase a adquirir a consideración de cadela abandoada), APACA decide solicitar a custodia da mesma ao Concello de O Pino, como entidade protectora de animais”.
Unha custodia que o Concello aceptou e levou a efecto, mantendo ao animal na nave municipal, dándolle auga, comida e unha cama. “É normal que un animal nestas circunstancias estea nervioso e pase tempo ladrando, pero estivo sempre ben coidado”, asegura Manuel Taboada.
O pasado luns, o presidente e a xerente de APACA foron a recoller o animal, acompañados polo alcalde, corroborando que ‘Cami’ estaba en boas condicións.
O alcalde, Manuel Taboada, considera unha “falta de responsabilidade” difundir mentiras e lamenta que se estea a utilizar as situacións de abandono de animais no Camiño de Santiago para “acusar ao concello e desprestixiar o nome de O Pino, cando nós o único que facemos e cumprir a lei e colaborar coa protectora para darlle a mellor solución posible aos animais abandonados, como se demostrou neste caso”.