Xuntáronse hoxe cun grupo de gandeiros en Lardeiros, que pediron medidas urxentes ||
Antonio Vázquez amosoulles a última vaca que lle matou o lobo. “Van dez este ano, e oito delas nos últimos tres meses”, dixo ||
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, volveron reclamar este 3 de decembro en Lardeiros que o Goberno central retire a especial protección do lobo, que tanto dano está facendo aos gandeiros galegos.
Na visita que fixeron a explotación De Vázquez, en Lardeiros, Antonio Vázquez explicoulles que na noite do 2 ao 3 de decembro o lobo volveulle matar unha vaca. “Xa van dez este ano, e oito delas matounas nos últimos tres meses”, dixo. Outros veciños da contorna presentes na xuntanza relataron os ataques que están a sufrir as explotacións gandeiras da zona e pediron medidas urxentes para controlar as mandas de lobos e non ter que pechar explotacións.
Ángeles Vázquez volveulle pedir ao Goberno central que revise o nivel de protección do lobo, considerada especie estritamente protexida dende 2021, e que volva a considerala protexida, o que permitiría tomar medidas para evitar as continúas mortes de gando que está a provocar o lobo na comarca e en moitas zonas de Galicia. Os avisos por ataques do lobo pasaron de 1.204 no ano 2021 ata 2.074, segundo os datos provisionais deste ano, indicou, o que representa un “incremento dun 72% dos avisos”.
A conselleira resaltou que o Comité Permanente do Convenio de Berna do Consello de Europa aprobou hoxe mesmo mudar o estatutos internacional do lobo en Europa de estritamente protexido a protexido. Unha decisión, asegurou, que avala a postura da Xunta.
Agora é necesario que o Goberno de España “escoite as autoridades europeas e rectifique unha decisión” que está a dificultar a supervivencia de explotacións gandeiras en Galicia e na zona norte de España.
Os gandeiros pediron medidas urxentes para acabar con esta situación. “Se seguimos así, moitas explotacións teremos que pechar en seis meses”, dixo un dos presentes.