Gina Riaño está facendo o Camiño de Santiago acompañada pola muller do embaixador de Colombia en España e dunha delegación da OISS ||
Os días 1 e 2 de xuño organiza en Santiago o Congreso de Prevención de Riscos Laborais en Iberoamérica coa asistencia de máis de 300 persoas de 20 países ||
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, recibiu na casa consistorial á secretaria xeral da Organización Ibereoamericana de Seguridad Social (OISS), Gina Riaño, e a esposa do embaixador de Colombia en España, Claudia Forero, que están facendo o Camiño de Santiago acompañados dunha delegación de representantes da OISS. Este organismo internacional celebra os días 1 e 2 de xuño en Santiago o XIII Congreso e Prevención de Riscos Laborais en Iberoamérica (Prevencia 2023) coa asistencia de máis de 300 persoas dunha vintena de países.
Gina Riaño e Claudia Forero comezaron a facer o Camiño esta semana en Sarria, e o martes, día 30, chegaron a O Pino, onde foron recibidos polo alcalde, Manuel Taboada, quen lles agradeceu a visitia e lles explicou a importancia que o Camiño ten na economía da zona. Na recepción oficial tamén estiveron presentes a secretaria do Concello, Ángela Viqueira, e o asesor xurídico, José Manuel Roibás.
Taboada Vigo destacou a importante labor que fai a OISS, prestixioso organismo internacional que promove o fortalecemento dos sistemas de seguridade social e protección social mediante a asistencia técnica, a investigación e o intercambio de coñecementos entre os países iberoamericanos. A finalidade da OISS, constituída en 1954 en Perú, é promover o benestar económico e social dos países iberoamericanos e de todos aqueles que se vinculan polo idioma español e portugués mediante a coordinación, o intercambio, o aproveitamento das súas experiencias mutuas en Seguridade Social e, en xeral, no ámbito da protección social.
Como explicou a propia Gina Riaño, entre outros obxectivos, a OISS promove que se recoñezan as cotizacións á seguridade social que os traballadores iberoamericanos poidan realizar cando traballan en países diferentes ao seu. A secretaria xeral da OISS engadiu que estes días están a realizar o Camiño da Seguridade Social entre Sarria e Santiago en vísperas da celebración do 70 aniversario da Organización Iberoamericana de Seguridad Social.
Unha peregrinaxe que rematará esta tarde en Santiago, coa asistencia á misa do peregrino ás 19.30 horas, xusto na víspera da inauguración do XIII Congreso de Prevención de Riscos Laborais en Iberoamérica (Prevencia 2023), que se vai desenvolver no Hostal dos Reis Católicos coa asistencia de máis de 300 persoas de 20 países de Iberoamérica. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, clausurará este congreso o venres 2 de xuño.
A delegación da OIS que acompaña a Gina Riaño e Claudia Forero está formada, entre outras persoas, por Gustavo Riveros Aponte, director rexional da OISS para a Área Andina; Holman Jiménez, director de Programas da OISS; Martin Bretón e a súa dona, delegado nacional da OISS en República Dominicana; Fernando Velásquez, coordinador da delegación nacional da OISS en Bolivia.
Tras a recepción oficial, Manuel Taboada entregoulle á secretaria xeral da OISS, a modo de agasallo, a figura dun peregrino e un exemplar do libro Traslatio. A Ruta Xacobea do mar de Arousa e Ulla, de Cándido Pazos. Pola súa banda, Gina Riaño, fíxolle entrega ao alcalde dunha bolsa do Camino de la Seguridad Social, na que se incluía unha camiseta e unha gorra. Tras repoñer forzas tomando uns petiscos, e ao non atopar aloxamento en Pedrouzo, a delegación da OISS continuou camiño ata Lavacolla, onde durmiron antes de facer hoxe a última etapa ata a Catedral.