Manuel Taboada resaltou que o artista madrileño soubo recoller a esencia da festa de interese turístico e amosa un vínculo claro coa identidade do municipio ||
No acto estivo acompañado por concelleiros do equipo de goberno e por tres peregrinos murcianos que estaban facendo o Camiño de Santiago ||

O alcalde e concelleiros do Pino inauguraron o mural acompañados por tres peregrinos murcianos
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, e integrantes do goberno municipal, inauguraron o pasado venres o mural Do día á noite. Festa do Galo Piñeiro, a obra de Miguel Nieto que resultou gañadora do primeiro concurso de murais organizado polo Concello do Pino. Taboada resaltou que o artista madrileño “soubo plasmar a esencia da festa de interese turístico” que se celebra a primeira fin de semana de agosto. “Os galos, os cabalos e a súa disposición amosan un vínculo claro coa identidade do municipio”, dixo Manuel Taboada lembrando un dos argumentos do xurado para concederlle o premio a Miguel Nieto.
O mural pode verse no espazo de lecer da rúa do Concello, pola que pasan milleiros de peregrinos que fan o Camiño de Santiago. O propio venres, durante a inauguración, Manuel Taboada estivo acompañado por tres murcianos que comezaran a súa peregrinaxe en Sarria.

Miguel Nieto, que comezou a pintar o mural o 25 de agosto, explicou que o seu mural, Do día á noite, Festa do Galo Piñeiro, parte dun galo que marca o inicio do día, seguido polos cabalos que simbolizan a festa. “É unha sucesión, un movemento que avanza co paso do tempo ata chegar á noite. Do día á noite”, resume. Como gañador do I Concurso de Murais do Pino, o mozo madrileño recibiu un premio de 2.000 euros, ademais doutros 150 adicionais para mercar o material necesario para pintar o mural.
Natural de Madrid, este é o terceiro mural de Miguel Nieto tras pintar un na facultade de Belas Artes e outro en Tubilla del Lago (Burgos). Coñecía as Rías Baixas e A Coruña, onde a súa familia viña de vacacións sendo el un neno, pero asegura que nunca antes estivera no Pino nin nesta zona de Galicia. “Descubrín a convocatoria buscando activamente concursos de murais e chamoume a atención tanto o espazo como o tema dos animais”, recoñeceu.

A proposta de Nieto foi destacada polo xurado pola súa vinculación coa vida rural e coa festividade propia do municipio. “A representación dos cabalos, galos e a estrutura da terra amosan un vínculo claro coa identidade do Pino”, sinala o fallo, resaltando tamén “a orixinalidade do estilo, dinámico e evocador, e o uso da cor”.
Nesta primeira edición do Concurso de Murais do Pino participaron oito artistas de diferentes localidades españolas. O xurado estivo presidido polo alcalde, Manuel Taboada, e contou coa presenza do concelleiro José Fuentes, dos recoñecidos artistas Cándido Pazos e María Cruz Piñeiro, e de Manuel Rodríguez como secretario.
Coa posta en marcha deste certame, o Concello do Pino quere apoiar a creatividade artística e dar novas oportunidades a artistas emerxentes, ao tempo que se embelece un espazo público moi frecuentado pola veciñanza e polos peregrinos do Camiño de Santiago. O obxectivo é reforzar a promoción cultural e turística do municipio a través da arte, vinculando o muralismo coa identidade local e coa Festa do Galo Piñeiro.


