O Concello do Pino organiza o domingo 28 de xullo o concurso Pescapino, dirixido a nenos de 4 a 13 anos que sexan afeccionados ou queiran iniciarse no deporte da pesca. O concurso celebrarase na área recreativa da Magdalena (Castrofeito) entre as 10.00 e ás 13.00 horas e haberá trofeos para os tres primeiros clasificados nas cateogrías de benxamín (4-7 anos), alevín (8-10 anos) e infantil (11-13 anos).
O prazo de inscrición remata o martes, día 24, ás 14.00 horas. Os interesados en participar deberán anotarse na casa de cultura (981 511 065) ou no correo electrónico cultura@opino.gal. O concello facilitará o material necesario a todos os participantes no concurso.
Con este concurso, o Concello do Pino quere resaltar os espazos naturais do concello. O ano pasado o concurso contou cunha trintena de participantes.
A entrega de trofeos do Pescapino 2018 farase a partir das 13.00 horas. As bases do concurso establecen que a clasificación farase, en primeiro lugar, polo número de pezas válidas capturadas (250 puntos por cada peza), e un punto adicional por cada gramo de peso acumulado das pezas. En caso de empate terase en conta o número total de pezas de cada concursante e a idade, primando aos pescadores de menor idade.
Nos arquivos adxuntos figuran tanto as bases do concurso como a folla de inscrición, que pode cubrirse e entregarse ou enviarse por correo electrónico á Concellaría de Cultura (cultura@opino.gal)