Mellorar servizos e o benestar da veciñanza
Bo Nadal, veciñas e veciños
Achegámosvos un novo número da revista Faísca no que facemos un resumo da actividade municipal do último ano e vos adiantamos algunhas das actuacións que queremos acometer o vindeiro exercicio cun claro obxectivo: incrementar os servizos e infraestruturas que o Concello pon á vosa disposición coa finalidade de mellorar o benestar de cada unha das persoas que vive no Pino. Nesta liña, e grazas á boa xestión económica dos últimos anos, acabamos de destinar tres millóns de fondos propios do Concello a un ambicioso plan de obras para mellorar moitas estradas e construír doce novos quilómetros de sendas peonís. Deste xeito todas as parroquias terán esta infraestrutura tan importante para garantir a seguridade viaria da veciñanza. Ademais do substancial incremento de horas para ampliar o servizo de axuda no fogar, para aquelas persoas que necesitan coidados na súa vida diaria, o vindeiro ano comezaremos tamén a construción do primeiro centro de día do municipio para que as persoas maiores poidan recibir unha atención de calidade preto do lugar no que viven.
Son algunhas das medidas que temos en marcha para favorecer a conciliación familiar e laboral, nas que se inclúen as prazas ofertadas dende a escola infantil A Galiña Azul e as actividades destinadas a nenas e nenos para que poidan seguir xogando e aprendendo durante as vacacións escolares. Unha oferta que se complementan coa ampla e variada programación cultural, dirixida nunha grande parte ao público infantil e familiar durante todo o ano, como ben saben as familias e todo o alumnado do CPI Camiño de Santiago. Os nenos e nenas da escola unitaria de Gonzar foron este ano protagonistas dalgunhas destas iniciativas conxuntas que dende o Concello puxemos en marcha cos centros educativos.
Unha colaboración directa coa veciñanza que se volveu plasmar na liña de achegas ás asociacións e colectivos veciñais de todo tipo. E que tamén se veu reflictida coas axudas directas aos autónomos e pequenas empresas asentadas no municipio para axudarlles a superar os difíciles momentos que supón a pandemia da covid-19. O Concello fixo un desembolso económico importante para atender todas as peticións que se presentaron, tanto a través do plan PEL Reactiva como nas axudas directas municipais, que chegaron a todas e cada unha das empresas ou autónomos que solicitaron as axudas e presentaron toda a documentación requirida.
No 2022, no Concello seguiremos traballando para incrementar o benestar da veciñanza, convencidos de que O Pino é un lugar no que paga a pena vivir. Para iso aprobamos un plan de axuda á natalidade, para colaborar coas familias que teñan fillos ou con aquelas que decidan empadroarse no noso municipio. A recente adxudicación a unha nova empresa vai mellorar substancialmente o servizo de recollida do lixo, que se verá reforzado cos minipuntos limpos que o Concello levará por todas as parroquias (para favorecer a reciclaxe de pequenos refugallos altamente contaminantes) e coa recente adxudicación por parte da Xunta de Galicia da nova depuradora de Arca. Medidas que van contribuír a unha mellor conservación do medio natural, e que van precisar dunha colaboración de cada un e cada unha de nós, para facer un uso responsable de todos os servizos que o Concello pon á nosa disposición, como a inmensa maioría das persoas vimos facendo.
Para rematar, quero agradecer a colaboración do persoal e dos grupos políticos municipais e de todas aquelas persoas e entidades que nestes últimos meses dedicaron parte do seu tempo a mellorar a calidade de vida dos demais, demostrando unha soliedariedade que fai do Concello de O Pino un exemplo para os milleiros de peregrinos e peregrinas que nos visitan.
Bo Nadal e ventureiro Aninovo para todas e a todos vós.
Manuel Taboada Vigo
Alcalde de O Pino
![FAÍSCA [nº12/2020] FAÍSCA [nº13/2021]](https://opino.gal/wp-content/uploads/FAISCA_numero_13_2021-1.jpg)

