Poñer en valor o noso e asumir compromisos
Veciñas e veciños:
Nun ano que estivo marcado polas eleccións municipais e a renovación da Corporación, quero comezar dando as grazas a quen confiaron no proxecto que presentou o meu partido para seguir gobernando no Pino e asegurándolles a todos os veciños e veciñas que, como alcalde e dende a Corporación municipal, seguiremos traballando arreo para mellorar a calidade de vida de todas as persoas que viven no Pino. Máis aló dos diferentes puntos de vista que poidamos ter os tres grupos representados no Concello, seremos quen de poñernos de acordo para sacar adiante aqueles proxectos que necesita o noso municipio para seguir avanzando. Un labor no que os traballadores e traballadoras municipais teñen un importante papel que quero destacar e loubar.
E unha parte importante para construír un futuro mellor é ter en conta o que levamos feito ata o de agora e, sobre todo, aqueles proxectos nos que fomos pioneiros. Como o ‘Camiña e Descubre’, que dende hai seis anos axuda á veciñanza a coñecer un pouco máis os diferentes camiños que terminan en Compostela. Unha iniciativa que agora están iniciando noutros municipios, conscientes da importancia que ten para a nosa economía e proxección internacional do Camiño de Santiago.
Contamos con servizos de concilición –como a escola infantil A Galiña Azul, os programas de lecer primavera, verán ou Nadal, os ‘Vai de praia’ e ‘Vai de auga’, o Club dos Venres e unha ampla programación cultural– que favorecen a formación, o entretemento e o coidado dos nosos maiores e dos máis novos mentres os pais e nais están traballando. Somos un concello solidario, como demostramos co Nadal Benéfico, que dende 2013 nos permite a todos e todas aportar alimentos non perecedoiros e outros produtos que o resto do ano axudan a moitas familias a superar situacións de emerxencia. Un programa que nos últimos anos, reforzaron outros colectivos e entidades co mesmo obxectivo: axudar ás persoas con menos recursos ou que pasan por malos momentos puntuais. Esta é tamén a finalidade dalgúns dos programas do departamento de Servizos Sociais que, coa axuda no fogar ou a teleasistencia, favorecen o arraigo dos nosos maiores na casa na que sempre viviron.
Son exemplos das iniciativas que levamos anos poñendo en marcha, como os cursos de formación que promovemos dende diferentes concellarías –con fondos propios ou en colaboración con outras entidades–, que axudan á nosa veciñanza a mellorar as súas condicións para incorporarse ao mercado laboral, a manter vivas tradicións que nos legaron os nosos devanceiros ou que permiten innovar e son motivo de orgullo para todos nós. Algo que a artesá Ana Rosa Lista soubo valorar cando decidiu que ficase no Pino o seu cadro de encaixe O gaiteiro de Arca, unha réplica da obra do noso Fillo Predilecto Luis Seoane. E que tamén destacau Miguel Ángel García, xuíz árbitro internacional que acudiu á Festa do Galo e que resaltou as melloras introducidas este ano.
Seguiremos apostando porque pequenos e maiores manteñan unha vida activa e saudable cunha ampla e variada programación deportiva para todas as idades, que tamén levamos ás parroquias. Continuaremos poñendo en valor o noso patrimonio, a nosa paisaxe e todo o que vimos facendo ben dende hai anos, e asumiremos os nosos compromisos. Velando pola seguridade da veciñanza reclamámoslle ao Ministerio de Fomento que mellore as conexións coa autovía ao tempo que favorecemos alternativas dende o Concello, aínda que non sexan da nosa competencia. Mantémonos firmes na defensa do medio natural e, xunto a outra medidas, instalamos colectores para reciclar o aceite de cociña usado.
Queda camiño por percorrer, porque a sociedade na que vivimos evoluciona de forma constante e cada vez a maior velocidade. Pero estou seguro de que, tendo claro o obxectivo que queremos acadar e traballando todos xuntos como viñemos facendo ata o de agora, imos ser quen de conseguilo.
Feliz Nadal e venturoso ano 2020.
Manuel Taboada Vigo
Alcalde de O Pino