Favorecer unha vida saudable e a conciliación
Veciñas e veciños: Fomentar unha convivencia pacífica, na que todos nos respectemos como persoas, máis aló das nosas ideas particulares, foi sempre un dos obxectivos da Corporación municipal. Por iso dende estas páxinas quero, en primeiro lugar, dar as grazas a todas as persoas que se involucraron para amosar o máis profundo rexeitamento de todos á violencia contra as mulleres, cuxo resultado podes ver na páxina do lado. Grazas a todas e todos pola vosa colaboración nesta iniciativa e tamén a todas aquelas persoas que, dun ou doutro xeito e moitas de fóra do Pino, vos implicastes na busca de José Beis Gómez, o veciño que falta da súa casa de Astrar dende o mes de xuño e, seis meses despois, segue desaparecido. Quero amosarlle á súa familia o apoio do Concello e de toda a veciñanza, e transmitirlle o desexo unánime de que esta incertidume remate o antes posible. Durante o ano que está a piques de finalizar, dende o Concello seguimos facendo unha forte aposta por fomentar unha vida saudable e facilitar a conciliación familiar e laboral. Iniciativas que contan cada ano cun maior apoio veciñal, como se pode comprobar na asistencia ás actividades deportivas, sexa nas das parroquias para maiores ou ás desenvolvidas nos polideportivos municipais; a participación no programa Camiña e Descubre; os máis de douscentos escolares que acoden ás escolas deportivas municipais ou as inscricións nas diferentes probas deportivas que organizamos ou apoiamos dende o Concello. As sendas peonís que se construíron este ano –ademais de mellorar a seguridade vial– e a preparación das rutas de sendeirismo teñen tamén como finalidade favorecer o exercicio físico, algo que, está demostrado, contribúe ao benestar persoal e a mellorar a nosa saúde.
O incremento de fondos bibliográficos e a aposta que dende hai anos vimos facendo polo banco de libros da biblioteca municipal, xunto cun amplo e variado programa de actividades culturais contribúen tamén a ter activa a nosa mente, coñecer outras maneiras de facer as cousas e, dun xeito moi claro, redundan nunha mellor calidade de vida de todas e todos nós. A esta fialidade axudan os programas de conciliación para maioires e pequenos, que cada ano teñen un maior número de seguidores, como os programas de lecer na primavera, verán ou nadal, o ‘Vai de auga’ ou ‘Vai de praia’.
Dende a Corporación municipal seguiremos apostando por estas iniciativas que bene cian a toda a cidadanía, e por colaborar activamente coas asociacións, clubes e entidades do municipio, ás que neste ano dedicamos case cincuenta mil euros en axudas de fondos propios municipais. Sen esquecernos de promocionar e divulgar as excelencias paisaxísticas, patrimoniais ou culturais do noso municipio, ademais de favorecer outras posibilidades de desenvolvemento económico. As actividades programadas ao redor da Feira Celta, Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar teñen esa clara finalidade. Un traballo que, como se puido comprobar este ano, permite que poidamos gozar de eventos de primeiro nivel, como o espectáculo ‘Quimera’ ou o Campionato Galego de Enganches de Carruaxes, que repetirá o ano que vén no Pino. O Camiño de Santiago supón unha oportunidade de mellora económica para moitos veciños e veciñas. As máis de 7.000 consultas feitas en só seis meses por peregrinos nacionais e estranxeiros na o cina de información municipal é un dato a ter en conta. Sabemos que isto representa tamén un reto para o Concello, por iso fixemos as xestións para que Arca conte cunha nova depuradora, que nos axudará a ser repectuosos co medio ambiente. Só me resta darlles as grazas ás traballadoras e traballadores municipais, aos compañeiros da Corporación e a todas e todos os que, dun ou doutro xeito, estades colaborando para que O Pino sexa un municipio atractivo para vivir.
Feliz Nadal e venturoso ano 2019.
Manuel Taboada Vigo
Alcalde de O Pino