O alcalde e a concelleira de cultura entregaron os premios do concurso de Postais e de Decoracións do Nadal
Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron as sete da tarde deste domingo 5 de xaneiro ao polideportivo de Reboredo, en Arca, onde os agardaban centos de nenos e nenas dispostos a entregarlles a súas cartas e facerlles as últimas peticións antes da noite máis máxica do ano.
O Concello do Pino cancelou pola mañá o percorrido dos Reis Magos polas parroquias do municipio debido ao mal tempo do domingo. Pero mantivo a recepción da comitiva real no polideportivo de Arca, a onde as Súas Maxestades chegaron as sete da tarde. Durante máis dunha nora, nenos e nenas achegáronse a falar con Melchor, Gaspar e Baltasar para pedirlles que non se esquezan dos seus agasallos.
Despois, os centos de persoas asistentes puideron degustar chocolate, churros e rosca de reis. Dende media tarde, a cativada puido gozar cos inchables e os xogos que se montaron no polideportivo.
Antes da chegada das Súas Maxestades, entregáronse os premios aos gañadores dos concurso de postais de Nadal e de Decoracións do Nadal. O alcalde, Manuel Taboada Vigo, e a concelleira Eva Varela, entregaron os galardóns.
Os gañadores no concurso de postais foron Celia Gómez Botana e Iago Alonso Tojo (de 6º B do CPI Camiño de Santiago), que deseñaron a postal institucional coa que o Concello felicitou este ano o Nadal a toda a veciñanza. No resto de categorías resultaron premiados a aula da Escola Unitaria de Gonzar, Icía Tojo Mosquera (2º de primaria) e Zaira Alonso Tojo (4º de primaria). Todos eles recibiron un lote de libros e material escolar.
Manuel Taboada e Eva Varela entregaron tamén os premios do I Concurso de Decoracións do Nadal, consistentes en 300, 200 e 100 euros para os tres primeiros tanto na categoría familiar como na colectiva. A esta primeira edición presentáronse 17 concursantes. O xurado seleccionou como gañadores na categoría individual as decoracións de Dolores Botana Gil, Beatriz Pazos Tojo e Dalia Pérez Iglesias. Na categoría colectiva os gañadores foron a ANPA da escola infantil A Galiña Azul, o restaurante O Acivro e a tenda El armario de Alma.
Festival Sons de Reis
A xornada festiva rematou co festival Sons de Reis, no que os DJ Rokiño e Toni Salvaje e o grupo Nueva Fuerza animaron o ambiente ata despois da medianoite.