-
‘Bágoas salgadas’ leva o premio ao disfrace máis orixinal e a ‘Costureira’ o mellor en individual adultos |
-
‘O tanque’ gaña en individual infantil e ‘Os Romanos’ na categoría de parellas |
-
‘As abellas de Arzúa’ foi a única carroza que participou |
O Entroido do Pino xuntou onte en Arca a centos de persoas nunha calorosa e animada tarde, na que os desfiles dos participantes no concurso de disfraces colleitaron numerosos aplausos. Guerreiros romanos, tanques do século pasado, un grupo de folclóricas sevillanas, e ata modernas influencers ás que lles marcou o tempo un reloxo de cuco foron algúns das caracterizacións que animaron o concurso, mentres unha parella de vellos vía como pasaba o tempo sen ser chamados para recoller o premio.
Dende primeira hora da tarde fóronse achegando numerosas persoas para inscribirse co seu disfrace e optar aos 1.700 euros que se repartiron en premios, mentres dende o palco da orquestra, Los Trovadores facían as probas de son.
Sobre as cinco e media comezaba o desfile, coa categoría individual infantil, a máis numerosa polo número de participantes. As tres membros do xurados tiveron moito traballo e animaban constantemente ao público para que aplaudise e, aos participantes, para seres quen de amosar as súas dotes de actores e actrices de acordo co disfrace elixido. Emoticonos, viaxeiras no tempo, indias, abellas, chícharos, e unha velliña foron algúns dos persoeiros que desfilaron polo escenario. Nesta categoría os primeiros premios foron para un tanque a pedais, que debía ser da Segunda Guerra Mundial, que disparaba confeti polo seu canón, acabouse levando o primeiro premio: O reloxo tirado polo cuco ao que non lle faltaba detalle foi o segundo clasificado. Entre os adultos, a costureira que se meteu dentro do tubo de fío vermello levou o primeiro premio.
Na categoría de parellas tampouco llo puxeron fácil ao xurado. Entre a parella recentemente chegada do suspendido carnaval de Venecia, os velliños de Arca, entre outros participantes, o primeiro premio foi para os dous soldados romanos que, cun carro de tracción humana, fixeron unha exhibición de loita coas súas espadas de cartón e ata utilizaron a catapulta para agasallar aos presentes con lambonadas.
As influencers KawaTubers, cos seus vistosos traxes hawaianos e a súa coreografía levaron o primeiro premio na categoría de grupos, mentres que ‘Os cabaleiros do Camiño de Santiago’, que xa anunciaron que vixiarán que non lles ocorra nada aos peregrinos, gañaron na categoría de comparsas.
O máis fácil para o xurado foi cualificar ás carrozas, modalidade que contou cun só participante, ‘As abellas de Arzúa’, que desafiaron ao frío da noite –despois dunha calorosa e soleada tarde– subindo ao escenario cos brazos ao aire. O premio ao disfrace máis orixinal foi para ‘Bágoas salgadas’.
Antes de proceder a entrega dos galardóns do concurso, o alcalde e representantes do goberno municipal, entregáronlles os agasallos aos gañadores do concurso de carteis de Entroido, que foron para a Aula de 5º de Educación Infantil B, Ayla Barneche Gómez (na categoría 6-8 anos), Ana Fidalgo Suárez (9-11 anos) e Xiana Noya Hermida (12-17 anos).
Álbum de fotos no Facebook do Concello do Pino (neste enlace)