-
Os desaséis comerciantes protagonistas do vídeo recordan que “apoiando o produto local sairemos todos xuntos e máis fortes” desta pandemia ||
-
“O mellor remedio e a solidariedade e o sentidiño” para deixar atrás esta situación, «como xa superamos doutras» engaden ||
-
“É o momento de ter os pés na terra e de pensar na xente que tes máis preto” para seguir avanzando «paso a paso, botándonos todos unha man» ||
O Concello de O Pino acaba de editar un vídeo para promocionar o comercio local, no que os propios empresarios, comerciantes, hostaleiros, agricultores e veciñanza relatan a importancia de apostar polo produto de proximidade e de confianza nun momento no que toca sumar forzas para “saír desta situación e pensar na xente que temos máis preto”.
A pandemia da covid-19 mudou todo de repente. O Camiño de Santiago quedou sen peregrinos. Moitos comercios tiveron que pechar durante o estado de alarma, e outros seguiron abertos para subministrar produtos esenciais á veciñanza. Agora que estamos volvendo a unha nova normalidade toca “poñer os pés na terra” para valorar o realmente importante, “coidar a quen queres, coidar onde vives e coidar o que comes”, deixándose arroupar e aconsellar por quen mellor nos coñece, os comerciantes e empresariado local.
Durante os case catro minutos que dura o audiovisual, o Concello quere resaltar, dándolle voz aos autónomos e emprendedores, que nestes intres de incerteza é o momento de apoiar ao noso comercio, a quen temos máis preto: “aos nosos labregos, aos nosos gandeiros, á nosa xente”. Como din os propios comerciantes do Pino no vídeo “estivemos ás duras e ás madura, sempre aí para que non nos falte de nada”.
Empresarios e comerciantes do Pino recordarnos que a saúde empeza na cesta da compra e que “apoiando o produto local sementamos un futuro” que afrontaremos máis fortes se estamos unidos. “O mellor remedio é a solidariedade e o sentidiño” para saír dunha situación difícil, como xa superamos outras no pasado.
Tamén para os nenos a saúde é o máis importante, pero recórdannos que “agora máis que nunca é importante coidar o concello” para que todos xuntos ser quen de seguir avanzando, recuperar as nosas vidas, e tamén a do Camiño de Santiago, que durante estes meses quedou baleiro de peregrinos. “Paso a paso, botándonos todos unha man”, O Pino volverá recuperar o seu latexo, di unha das protagonistas.
O alcalde, Manuel Taboada, pídelle á veciñanza que aposte polo comercio local. “Xuntos superaremos esta nova etapa do Camiño”, pero recorda que hai que facelo “con sentidiño” para non desandar o xa avanzado. “É tempo de pensar na xente do Pino, na que temos máis preto”, asegura o alcalde, que lle agradece á veciñanza todo o apoio que prestou e as aportacións que fixo durante o confinamento.