Pídelle á Xunta unha achega de 1,8 millóns e aportará outros 900.000 euros de fondos propios ||
O edificio para residencia contará con 30 prazas, con 18 cuartos individuais e 6 dobres en 1.265 metros cadrados útiles ||
O centro de día terá tamén 30 prazas, nunha superficie de 415 metros cadrados ||
Construiranse en Arca e o alcalde espera que entren en funcionamento durante o ano que ven ||
O Concello de O Pino remitiu á Consellería de Política Social dous proxectos para construír unha residencia de maiores e un centro de día, de 30 prazas cada un deles, “que permitirán cubrir as necesidades que temos de atención ás persoas maiores na actualidade e nos vindeiros anos”, segundo explica o alcalde, Manuel Taboada. Os dous edificios supoñen unha investimento de 2,69 millóns de euros, dos que o Concello aportará case 900.000 euros de fondos propios e solicítalle á Xunta de Galicia unha financiación de 1,8 millóns de euros.
Os dous edificios que albergarán a residencia e o centro de día construiranse na parroquia de Arca, nunha parcela de propiedade municipal, e supoñen, en conxunto, preto de 1.700 metros cadrados útiles. Terán 30 prazas cada un deles. O Concello xa enviou os anteproxectos a Xunta, como informou o alcalde no último pleno, para acollerse ao convenio marco asinado pola Consellería de Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
A residencia de maiores está proxectada nun edificio de dous andares, cun total de 1.265 metros cadrados útiles, e contará con 9 dormitorios individuais e 3 dobres en cada unha das plantas, o que fai un total de 18 cuartos individuais e 6 dobres para as 30 prazas. Ademais, contará con comedor, lavandería e despachos, entre outros espazos de uso común.
O orzamento estimado no anteproxecto remitido á Consellería para a construción da residencia ascende a 2.040.250 euros, dos que o Concello aportará 840.250 euros de fondos propios.
Polo que respecta ao centro de día, o anteproxecto contempla a construción dun edificio dunha soa planta, de 414,83 metros cadrados útiles. Contará cun comedor, sala de rehabilitación, sala polivalente e outros espazos para poder atender a 30 persoas.
O orzamento para a súa construción ascende a 651.957,20 euros, dos que o Concello aportará 51.957,20 euros de fondos propios e os 600.000 restantes solicítallos á Xunta de Galicia.
Manuel Taboada recorda que na reunión mantida o pasado mes de decembro, a conselleira de Política Social, Fabiola García, veu factible apoiar estas infraestruturas “tan necesarias para atender aos maiores do noso municipio”.
Segundo Manuel Taboada, “estámoslle a dar dúas alternativas á veciñanza. As persoas que desexen vivir na residencia poderán solicitar unha praza nela. Mentres que quen prefira permanecer no seu fogar, terá a opción do centro de día para desfrutar das actividades que se van programar no mesmo unha vez estea en funcionamento”.
“Tanto a residencia como o centro de día son vellas demandas dos maiores do Pino que agora poderán facerse realidade se contamos co apoio da Xunta, como manifestou a conselleira”, asegura Manuel Taboada. Os dous edificios están proxectados “para atender a demanda existente actualmente no Pino e tamén a dos vindeiros anos”, engade. O prazo de execución das obras é dun ano, polo que “agardamos que estean en funcionamento ano que ven”, conclúe o alcalde.