-
A acción enmárcase nas actividades cooperativas desenvolvidas por 31 centros de lectura da Rede de Bibliotecas da Xunta
-
O espírito deste audiovisual é amosar a proximidade do servizo bibliotecario nun momento no que os centros están pechados
A Biblioteca Municipal de O Pino participa no vídeo elaborado por 31 centros de lectura galegos como conmemoración do Día Internacional do Libro, que se celebra hoxe, 23 de abril. Coas bibliotecas pechadas por mor da pandemia da COVID-19, os seus responsables son os protagonistas e as caras visibles deste audiovisual, que quere mostrar que estes centros seguen a traballar e a buscar novas formas de contactar co público lector.
A acción enmárcase dentro das actuacións cooperativas que está a poñer en marcha un grupo de traballo formado por 31 bibliotecas públicas municipais pertencentes á Rede da Xunta de Galicia. Desde marzo, abren novas canles para compartir experiencias e fomentar a participación, mesmo en tempos de confinamento.
O vídeo conmemorativo do Día Internacional do Libro é unha destas iniciativas. Nel aparecen as propias persoas encargadas das bibliotecas (no caso de O Pino, a. técnica de animación sociocultural e responsable da biblioteca municipal, Ana Vigo). O espírito do vídeo é amosar a proximidade do servizo bibliotecario, aínda que as bibliotecas non están abertas ao público. A ritmo da música de Guadi Galego (‘Chea de vida’) e Migallas (‘O libro máxico’), as bibliotecarias e bibliotecarios, un a un, van intercambiando libros en pequenas pezas realizadas desde as súas propias casas, simbolizando un traballo en rede cooperativo e de axuda común.
Outra iniciativa posta en marcha por este grupo ao comezo do estado de alarma é o deseño dun banco de recursos baixo o nome de #horadoconto, que consiste en recomendar unha lectura. As escollas fanse públicas de luns a venres a través das redes sociais e páxinas web municipais. Cada día, unha das bibliotecas é a responsable de realizar dita recomendación, en diferentes formatos, xéneros e idiomas. A proposta ten como propósito fomentar a lectura e o contacto cos libros.
As bibliotecas públicas municipais que conforman esta iniciativa son dos concellos de: Antas de Ulla, Arteixo, A Pobra do Caramiñal, As Pontes, Baiona, Boiro, Caldas de Reis, Chantada, Chapela- Redondela, Coirós, Corcubión, Miño, Mondariz Balneario, Narón, Noia, O Pino, O Saviñao, Ordes, Oroso, Portonovo, Redondela, Rianxo, Ribadavia, Rois, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Santa Comba, Sober, Teo, Xermade e Xinzo de Limia.