Manuel Taboada e Eva Varela manteñen a dedicación exclusiva cos mesmos salarios que viñan cobrando e o concelleiro de Vías e Obras, José Fuentes, terá unha parcial ||
Mantense a asignación anual para os grupos políticos de 300 euros fixos e outros 800 por cada concelleiro ||
José Manuel Carreira, Gerardo Pintor e Borja Castro serán tenentes de alcalde e membros da Xunta de Goberno Local ||
Os plenos celebraranse o último mercores de cada trimestre e as reunións da Xunta de Goberno Local serán quincenais ||
A Corporación do Pino aprobou esta mañá crear a Comisión Especial de Urbanismo, que será a encargara de supervisar a revisión puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal para permitir a construción de vivendas en núcleos rurais. No pleno de organización da Corporación para esta lexislatura tamén se aprobou manter a asignación anual aos grupos políticos e tres dedicacións para o grupo de goberno, a distribución de concellarías e a designación de membros da comisión de Contas e dos representantes municipais en órganos colexiados.
A Comisión Especial de Urbanismo, ao igual que a de Contas, estará composta por 5 concelleiros do grupo popular, un do BNG e outro do PSdeG. Polo PP formarán parte destas comisións o alcalde, como presidente, e os concelleiros José Manuel Carreira, Gerardo Pintor, Mercedes Vázquez e Borja Castro, quedando como suplentes Eva Varela e José Fuentes. José Luis Vidal (BNG) e Óscar Vilar (PSdeG) serán os outros titulares, quedando de suplentes Consuelo Abel (BNG) e Inmaculada Mosquera (PSdeG).
O alcalde, Manuel Taboada, xustificou a creación da Comisión de Urbanismo para que os tres grupos políticos estean informados do proceso de modificación puntual do PXOM para poder facilitar a construción de vivendas unifamiliares nos núcleos rurais, un proceso que Taboda estima que se desenvolverá entre este ano e o que ven. “Deste xeito, todos os membros da comisión poderán asistir ás reunións cos técnicos e dictaminar, no seu caso, o que proceda, axilizando así a tramitación dos cambios do PXOM”.
A creación da Comisión Especial de Urbanismo aprobouse por unanimidade, mentres que a Especial e Contas aprobouse cos 7 votos a favor do PP e 4 abstencións (BNG e PSdeG).
O pleno aprobou, cos votos a favor do PP, a abstención de BNG e PSdeG, as retribucións por asistencias a plenos e comisións (150 euros) e á Xunta de Goberno Local (250 euros), ademais da asignación anual a cada grupo político para contribuír aos gastos derivados das actividades que realicen, que constará dunha parte fixa de 300 euros anuais á que se lle engadirán 800 euros por cada concelleiro. Deste xeito, o grupo popular, con sete concelleiros, ten asignados 5.900 euros anuais, e 1.900 para o BNG e outros 1.900 para o PSdeG, con dous concelleiros cada grupo. Unha asignación que os grupos deberán xustificar previamente antes de poder cobrala.
Na sesión tamén se aprobaron tres dedicacións para os membros do equipo de goberno. O alcalde, Manuel Taboada, e a concelleira de Cultura, Eva Varela, manteñen as dedicacións exclusivas que viñan ostentando nas últimas lexislaturas e co mesmo importe económico que está aprobado nos presupostos deste ano: 43.673,28 e 22.497,30 euros brutos anuais, respectivamente. O concelleiro de Emprego e Vías e Obras, José Fuentes, terá unha dedicación parcial do 65% da xornada cunha retribución anual de 14.623,23 euros. Estas remuneracións actualizaranse anualmente nas mesmas porcentaxes que o Goberno central aprobe para os funcionarios públicos.
Manuel Taboada xustificou que tradicionalmente no Concello de O Pino houbo tres dedicacións no grupo de goberno, salvo na lexislatura que acaba de rematar “que baixamos a dúas, porque nas eleccións de 2019 tamén baixáramos un concelleiro”. Respecto do salario, Taboada asegurou que é o mesmo que se veñen percibindo nos últimos anos, coas actualizacións correspondentes. Dende o grupo socialista, Óscar Vilar, considerou excesivos os soldos e solicitou que os concelleiros con dedicación teñan unha axenda pública. Este punto aprobouse cos votos a favor do PP (7), a abstención do BNG (2) e o voto en contra do PSdeG (2).
Tamén se aprobou hoxe a constitución da Xunta de Goberno Local, que se reunirá quincenalmente e estará formada polo alcalde, como presidente, e os concelleiros José Manuel Carreira, Gerardo Pintor e Borja Castro, que serán, tamén e por esta orde, os tenentes e alcalde. Os plenos ordinarios da Corporación manteranse o último mércores de cada trimestre, ás 10.00 horas, como se viñan celebrando nos últimos anos.
Respecto da periodicidade e horario dos plenos, tanto BNG como PSdeG reclamaron que se celebrasen cada dous meses e pola tarde, para facilitar a asistencia da veciñanza. Taboada argumentou que se manteñen pola mañá para facilitar o traballo dos funcionarios e a asistencia dos medios e comunicación. Este punto aprobouse cos votos a favor do PP (7) e en contra da oposición (4). Na creación da Xunta de Goberno Local o BNG abstívose e os socialistas votaron en contra.
En canto aos membros da Corporacións nos órganos colexiados, Eva Varela será a representante no Consello Escolar do CPI Camiño de Santiago e o alcalde, Manuel Taboada, na Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, na Mancomunidade de municipios galegos do Camiño Francés e no GDR Ulla Tambre Mandeo. Este punto aprobouse cos votos a favor do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSdeG.
Concellarías
Manuel Taboada tamén deu conta do decreto polo que establece as diferente áreas de goberno e nomea aos concelleiros responsables. A estrutura do goberno do Pino queda do seguinte xeito:
Manuel Taboada. Alcaldía e áreas de Urbanismo, Facenda, Persoal, Promoción Económica, Turismo e Camiño de Santiago.
Eva Varela: Educación e Cultura.
José Manuel Carreira: Infraestruturas e Medio Ambiente e Parques e Xardíns.
Mercedes Vázquez: Benestar Social, Muller, Familia e Sanidade.
Gerardo Pintor: Medio Rural
José Fuentes: Emprego e Vías e Obras.
Borja Castro: Deportes e Xuventude